Galicia suma xa 1 licenza VTC por cada 9 taxis, case tres veces por riba do máximo legal

Taxi nas rúas de Vigo CC-BY-NC-SA Rwcar4

Hemeroteca

Os taxistas de Barcelona e Madrid retomaron nos últimos días as súas sonoras protestas contra o incremento das licenzas VTC (vehículos de turismo con condutor) e de plataformas como Uber ou Cabify. Hai tres anos o Real Decreto 1057/2015 estableceu un límite máximo de 1 permiso VTC por cada 30 licenzas de taxi, poñendo fin á barra libre que se iniciara no 2009 coa reforma da Lei de ordenación dos transportes terrestres decidida polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, en transposición da normativa comunitaria na materia.

As 326 licenzas suporán unha proporción de 1 por cada 9 taxis en Galicia, case tres veces por riba do máximo legal previsto

Porén, nos últimos meses varias sentenzas xudiciais (encabezadas por unha do Tribunal Supremo) determinaron que a administración non pode denegar as solicitudes de novas licenzas VTC realizadas entre 2009 e 2015. Mesmo nos lugares nos que se supera ese ratio 1/30 (ou o que é o mesmo, o 3,33 por cada 100).

Iso é o que está a suceder en Galicia. Na actualidade existen 276 licenzas VTC, fronte a 3.586 autorizacións para a condución de taxi (7,7 por cada 100), máis de dúas veces o ratio permitido. Os tribunais veñen de ditaminar que a Xunta está obrigada a conceder 50 novas licenzas VTC que foran solicitadas antes do decreto de 2015 e nos vindeiros meses espérase que se sumen outras 10 licenzas. As 326 licenzas suporán unha proporción de 1 por cada 9 taxis en Galicia, case tres veces por riba do máximo legal previsto. 

Isto non quere dicir que se estea a incumprir a lei, posto que a ratio 1/30 só afecta ás novas autorizacións, non ás xa existentes ou ás que estaban en proceso, aínda que si bloquearía as novas peticións. Esta é a clave das protestas dos taxistas en Madrid, pois calcúlase que na capital do Estado están pendentes de ser outorgadas 7.000 novas licenzas, que foran solicitadas antes de 2015. Os taxistas, que piden que a proporción 1/30 se aplique sobre o número de vehículos que operan nas rúas, denuncian ademais que máis aló da fachada de economía colaborativa de plataformas como Uber ou Cabify, 26 persoas controlan máis de 10.000 licenzas en España.

Segundo datos da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta, o número de Autorizacións VT para transporte público de viaxeiros en taxi pasou de 3.847 en 2013 a a 3.586 en 2017. En paralelo, nos últimos temos asistimos ao desembarco en Galicia dalgunhas plataformas como Cabify, que comezou a operar na Coruña o pasado 14 de decembro, uníndose a Barcelona, Madrid, Valencia, Alacante, Sevilla e Málaga.

 

Seis infraccións dos vehículos VTC na Coruña dende decembro

Na Coruña a Policía detectou "a disposición de vehículos para recoller xente en lugares de afluencia de público, en horario nocturno", algo que estes vehículos non están autorizados a facer

Este luns, o Goberno municipal da Coruña sinalou que a Policía Local está a realizar un "control e seguimento" das actuacións que están a desenvolver as empresas con licenzas VTC instaladas na cidade. Os concelleiros de Mobilidade e Seguridade da Coruña mantiveron unha xuntanza con representantes do sector do taxi, aos que informaron de que dende o mes pasado a Policía Local levou a cabo oito rexistros de documentación a vehículos que estaban a transportar pasaxeiros. En dous dos casos confirmouse que os turismos contaban cos permisos necesarios, pero non así nos outros seis.

Ademais, a Policía Local detectou "a disposición de vehículos para recoller xente en lugares de afluencia de público, en horario nocturno", algo que estes vehículos non están autorizados a facer, pois só poden prestar o seu servizo se foron previamente contratados. O Concello da Coruña “ten a  obriga de vixiar que se cumpra a normativa dun servizo regulado, que conta cuns prezos aprobados por estamentos públicos" fronte á chegada “dun servizo privado que, ante a alta demanda, pode disparar os seus prezos en detrimento das persoas usuarias”, estacaron Daniel Grandío e Rocío Fraga.

Taxis estacionados no centro da Coruña CC-BY-NC-SA Canon

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.