O tremor, que foi acompañado doutros de menor intensidade, sentiuse no Barbanza, no Salnés, a Costa da Morte e tamén en Pontevedra e Compostela
Galicia tremeu este xoves. Pouco antes das catro da tarde, ás 15:44 horas, rexistrouse un movemento sísmico de magnitude 4,6 co seu epicentro situado na costa atlántica, a uns 30 quilómetros de Ribeira. O tremor sentiuse con forza no Barbanza, pero tamén en Noia, Muros, na Costa da Morte, no Salnés e igualmente en Pontevedra e Compostela. O terremoto foi acompañado doutros de menor intensidade, un deles de magnitude 3,7 ás 14:57 horas, e outros dous ás 15:55 e 15:58, de menor importancia.
Había tempo que non se rexistraba en Galicia un tremor semellante. De feito, o deste xoves é o de maior magnitude dende o ano 1997. Aquela primavera o denominado triángulo sísmico da montaña lucense, entre Sarria, Becerreá e Triacastela, rexistrara varios tremores de grande importancia, un deles de magnitude 5,1 (o 21 de maio de 1997 ás 23.50 horas). Nos dous días seguintes houbo numerosas réplicas e seis delas superaron a magnitude 4, chegando mesmo a 4,9.
O movemento sísmico deste xoves é o de maior magnitude dende o ano 1997, no que un terremoto no triángulo sísmico da montaña lucense acadou a magnitude 5,1
Ata hoxe non houbera un rexistro deste nivel. Con todo, ao estar situado o epicentro no mar, a varios quilómetros da costa, os efectos foron moi distintos a aqueles. En xaneiro do ano 2000 Triacastela volveu sufrir un tremor por riba da magnitude 4, e o mesmo sucedera en 2018 en Taboada, cun movemento sísmico que tamén acadou ese nivel. Nese ano 2018 rexistráronse un gran número de tremores en Galicia, aínda que de magnitude reducida, o mesmo que no ano 2019.
Poucos minutos despois de producirse o movemento sísmico, as redes sociais enchéronse de mensaxes
Poucos minutos despois de producirse o movemento sísmico, as redes sociais enchéronse de mensaxes que nun primeiro momento preguntaban colectivamente que sucedera ou se outras persoas sentiran o tremor. Constatado o terremoto, reproducíronse as mensaxes destacando as sensacións que este producira en cada lugar, especialmente nas zonas que o sentiron con máis intensidade. A etiqueta #terremoto chegou a ser trendong topic neses momentos.