Goberno central e Xunta seguen a mudar o listado de aloxamentos turísticos esenciais durante a pandemia

Imaxe aérea do complexo para peregrinos do Monte do Gozo, que xa non aparece no listado de aloxamentos esenciais do ministerio pero si no da Xunta Dominio Público Xunta de Galicia

O Goberno galego asume “a posible necesidade” de ter que compensar ao máis dun cento de establecementos que identifica Turismo de Galicia

O Ministerio de Transportes publica este martes no Boletín Oficial del Estado (BOE) unha nova orde coa que modifica o listado de 37 aloxamentos esenciais en Galicia que estableceu o pasado mércores e amplíao, eliminado algúns dos anteriores, a 48. Ao tempo, a Xunta reclama que se teña en conta o seu propio listado, feito público despois do primeiro creado polo ministerio e que cualifica como “dinámico” e que suma máis dun cento de establecementos, para os que asume “a posible necesidade” de ter que compensalos pola súa apertura.

No BOE o ministerio admite que as novas medidas establecidas desde o pasado mércores motivaron “que determinados aloxamentos turísticos inicialmente incluídos non poidan prestar os servizos con total garantía”, e muda o anterior listado de 37 establecementos en Galicia por outro de 48 no que xa non aparecen por exemplo, como si estaban no primeiro, instalacións públicas como o albergue do Monte do Gozo ou a Escola Superior de Hostelería de Galicia.

Mapa elaborado polo Ministerio de Industria

Nin ministerio nin Turismo de Galicia indican que criterio empregaron para elaborar as súas listas

Ao tempo, este mesmo mércores a Xunta publica no DOG diversas novas medidas arredor da crise do coronavirus entre as que inclúe non unha decisión senón unha “posta de manifesto” por parte da Consellería de Cultura e Turismo sobre os aloxamentos esenciais. A Consellería, nun texto en castelán incluído na versión en galego do DOG [un día despois publicouse unha corrección de erros traducindo o texto ao galego], lembra que conta co seu propio listado de establecementos cunha “actual dispoñibilidade a día de hoxe de 113” e “manifesta a necesidade de que se teña en conta o carácter dinámico da lista de establecementos dispoñibles, que se actualiza diariamente na páxina web de Turismo de Galicia”, onde a primeira hora deste martes aparecían 111, para que se teña en conta o seu carácter esencial “aos efectos dunha eventual modificación” da orde ministerial do pasado mércores.

Porén, esa é a orde que o ministerio modifica este mesmo martes, ao tempo da petición da Xunta, sen ter en conta ese listado de Turismo de Galicia no que, por exemplo, segue aparecendo o Monte do Gozo ou o hotel da estación de montaña de Manzaneda, impulsada a medias pola Xunta e a Deputación de Ourense.

Hotel da estación de montaña de Manzaneda © Deputación de Ourense

A Xunta tamén “toma razón da posible necesidade da sinatura de documentos de cesión temporal de establecementos [...] nos que se asuma, no seu caso, a compensación dos gastos derivados da apertura pola urxencia da situación e polas dificultades para a posta en marcha de establecementos pechados e necesarios nas actuais circunstancias”. A Xunta non indica que criterio seguiría para esas compensacións nin o que empregou para elaborar a súa lista de máis dun cento de aloxamentos, como tampouco o fixo o ministerio coa súa inicial de 37 nin coa actual de 48.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.