Deberán acoller traballadores ligados ás actividades autorizadas e poderán permitir o acceso aos servizos de aseo aos transportistas aínda que non se aloxen neles
O Ministerio de Transportes publica este mércores no Boletín Oficial del Estado (BOE) unha orde pola que declara “servizos esenciais a determinados aloxamentos turísticos”, entre eles 37 en Galicia. Eses hoteis e apartamentos deberán acoller traballadores ligados ás actividades autorizadas e poderán permitir o acceso aos servizos de aseo aos transportistas aínda que non se aloxen neles. Un listado no que, ademais de establecementos privados, aparecen complexos públicos como o Monte do Gozo ou o Centro Superior de Hostelería de Galicia, que conta cunha residencia para o alumnado.
A orde establece que os establecementos que identifica “manteranse pechados ao público en xeral pero deben permitir o aloxamento de aqueles traballadores que deban realizar labores de mantemento, asistencia sanitaria, reparación e execución de obras de interese xeral, abastecemento de produtos agrarios e pesqueiros, e tripulacións de buques pesqueiros, así como servizos complementarios ás mesmas, no ámbito sanitario, portuario, aeroportuario, viario e ferroviario, alimentario, salvamento e seguridade marítimo, a instalación, mantemento e reparación de redes de telecomunicacións e centros de proceso de datos, subministro de enerxía e auga, subministro e servizos de transporte de mercadorías ou de viaxeiros ligados ás actividades permitidas".
Eses establecementos tamén “permitirán o aloxamento de persoas que deban desprazarse para atender a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade, persoas especialmente vulnerables ou con necesidades de atención sanitaria, entre outros supostos”. Igualmente, neles “poderase permitir o acceso ás instalacións e servizos de aseo e restauración aos transportistas profesionais de mercadorías, aínda que non se atopen aloxados”.
A Orde sinala que “o resto de aloxamentos turísticos” que non aparecen identificados nela “poderán prestar aloxamento exclusivamente” aos colectivos citados observando “as medidas e instrucións de protección indicadas polo Ministerio de Sanidade”.
Ademais de establecementos privados, aparecen complexos públicos como o Monte do Gozo ou o Centro Superior de Hostelería de Galicia, que conta cunha residencia para o alumnado
En concreto, a Orde identifica na provincia da Coruña 14 establecementos: catro en Santiago, tres na Coruña, dous en Ferrol, Boiro e Ordes -que o BOE cita como Orbes- e un en Oleiros. Ademais inclúe na mesma provincia coruñesa un establecemento na localidade lucense de Portomarín, que se sumaría un total de sete hoteis na provincia de Lugo xunto cos catro na capital e un en Foz e Viveiro. En Ourense identifícanse seis establecementos: dous na capital e un en Verín, Xinzo de Limia, Manzaneda e Muíños. En Pontevedra son dez os establecementos: catro en Vigo e Sanxenxo e un na capital e en Poio.