Incendio no vertedoiro compostelán de Miramontes, no que a Fiscalía pescuda irregularidades

Fume saíndo do vertedoiro de Miramontes (Grixoa) polo incendio CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Un incendio no polémico vertedoiro de Miramontes, en Grixoa (Santiago) mantense activo desde as 5 desta pasada madrugada e nel continúan traballando os bombeiros para extinguir unhas lapas que, segundo contan varios veciños, viñeron precedidas de pequenas explosións provocados polos gases producidos polos residuos acumulados. 

O incendio está activo desde as 5 da mañá e todo apunta a que xurdiu pola explosións dos gases que provocan os residuos acumulados

O incendio neste vertedoiro volve situar no foco as súas empresas xestoras, contra as que se querelou a Fiscalía de Medio Ambiente hai un ano por un posible delito medioambiental por graves irregularidades e logo das denuncias presentadas polo Concello de Santiago, pola Plataforma de Afectados polo Vertedoiro e mais pola Asociacións Veciñais do Rural de Santiago de Compostela (Ferusa). 

Segundo denuncia a plataforma de afectados, o incendio vén provocado por algunha das continuas explosións de gas que se producen en días de calor nun vertedoiro que, advirten, ten un proxecto construtivo que non se adapta ao fin para o que foi posto en marcha e que contén "moita máis materia orgánica que a permitida por ese proxecto", o que orixina problemas coma os cheiros procedentes deses gases que "comprometen a seguridade". 

Residuos no vertedoiro de Grixoa © Plataforma Stop Vertedoiro Santiago

O incendio, segundo testemuñas, produciuse na zona onde se acumulan restos de amianto, o que "supón aínda maior risco" para a plataforma de afectados

O incendio, segundo testemuñas, tivo lugar na esquina noroeste do vertedoiro e preocupa a veciñanza e á plataforma de afectados por producirse nunha zona onde hai acumulado amianto, o que "supón aínda maior risco". 

Aínda que con moita menos virulencia xa, o fume puido verse desde varios quilómetros de distancia, aínda que o propio núcleo de Miramontes foi dos menos afectados por uns gases que se espallaron cara a Brins. 

Desde hai xa anos, veciñanza da zona leva loitando contra un vertedoiro do que a Fiscalía sinala unha xestión que puido supor un posible delito medio ambiental. Así, enumerou unha serie de incumprimentos recollidos nas actas de inspección realizadas pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta, que "demostrarían a súa mala xestión e o perigo potencial para a saúde das persoas e o medio ambiente", destaca a Plataforma.

Segundo a Fiscalía, “estaríanse incumprindo todas as prevencións e autorizacións e, por tanto, xerando un perigo para o medio”. Ademais, sinala que "os indicios recabados para chegar a esta conclusión son poderosos e proveñen da propia documentación obtida dos organismos oficiais e, por se isto fora pouco, do feito certo de que a poboación está padecendo una situación insoportable de cheiros aos que en ningún caso debería estar exposta, correspondendo ás administracións públicas protectoras do medio ambiente garantir que a súa calidade de vida non se vexa diminuída por unha actividade industrial e lucrativa como é a xestión dun vertedoiro”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.