Morre Xosé Luís Franco Grande aos 84 anos de idade

Xosé Luís Franco Grande CC-BY-SA Estevoaei

Hemeroteca

Xosé Luís Franco Grande faleceu esta noite aos 84 anos de idade. Nacido en Tebra (Tomiño) en 1936, este escritor e avogado formaba parte da xeración de galeguistas que viviu os anos escuros do Franquismo, como el mesmo retratou no libro Os anos escuros. A resistencia cultural dunha xeración, un grupo que exerceu de ponte entre a Xeración Nós e as persoas que viñeron despois. Dende algún tempo sufría un cancro.

Traballou como avogado e xefe xurídico de Caixanova, aínda que a súa maior visibilidade pública gañouna a través da literatura e do ensaio

Estudou o bacharelato en Vigo, onde coincidiu con Bernardino Graña. Comezou Filosofía e Letras e despois licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago. Alí coñeceu a Ramón Lugrís que o puxo en contacto con outros galeguistas. E tamén na universidade foi varias veces galardoado nas Festas Minervais.

Traballou como avogado e xefe xurídico de Caixanova, aínda que a súa maior visibilidade pública gañouna a través da literatura e do ensaio, cunha ducia de obras que abranguen mesmo á poesía ou o teatro. Co poemario Brétemas do vieiro gañou con só 19 anos o premio Eduardo Pondal que outorgaba o Centro Galego de Bos Aires. Dous anos máis tarde o seu libro de poemas Entre o si e o non foi galardoado co Premio Nacional de Literatura "Rosalía de Castro". En 1957 a obra de teatro Vieiro choído inaugurou a colección Illa Nova da editorial Galaxia.

Ademais, en 1968 publicou en Galaxia o seu Diccionario Galego-Castelán, unha obra que foi reeditada moitas veces ata completar un total aproximado de medio millón de exemplares vendidos. O "Franco Grande" foi unha referencia durante anos, grazas ao seu tamaño máis reducido, como destacaba Xesús Ferro Ruibal neste texto. En 1972 publicou tamén o Vocabulario galego-castelán (1972).

Xosé Luís Franco Grande CC-BY Bibliotecas Redondela

Galaxia destaca que Franco Grande tivo un papel "crucial na historia do noso país" e que "a súa desaparición deixa un oco difícil de encher"

Especialmente celebrada foi a súa obra Os anos escuros, que constitúe un fenomenal retratro dun tempo, dun país e tamén dunha xeración (a Xeración Galaxia, Xeración das Festas Minervais...), un tempo no que "a cultura serviu como muro de resistencia fronte á represión franquista das reivindicacións de Galicia como cultura e nación con identidade de seu", destaca Galaxia, editorial na que Franco Grande xogou un papel moi importante durante anos.

Galaxia vén de facer pública unha nota na que destaca que "a súa desaparición deixa un oco difícil de encher". A editorial sinala que Franco Grande tivo un papel "crucial na historia do noso país" e que "o propio nacemento da nosa Editorial hai 70 anos e os seus primeiros pasos non se poden entender, tampouco, sen o seu traballo entregado e xeneroso".

Especialmente celebrada é a súa obra Os anos escuros, que constitúe un fenomenal retratro dun tempo, dun país e tamén dunha xeración 

"Sen dúbida que unha das nosas máis visibles eivas colectivas é a escasa memoria histórica. Un pobo non pode vivir sen memoria histórica, sen cultivala, sen anovala, sen exercitala. Ningún pobo con boa saúde pode esquecer o seu pasado, tanto próximo como afastado, porque sería o mesmo que descoñecerse, sería carecer no tempo de referencias e de referentes. Sería, ao cabo, un pobo entangarañado", escribía Franco Grande no limiar da obra.

Destacou igualmente polas súas numerosas colaboracións en medios de comunicación e pola súa actividade como dinamizador cultural. Por exemplo, participou como fundador da Asociación Cultural de Vigo nos últimos anos da ditadura. Europeísta convencido e moi interesado pola política internacional, xa máis recentemente foi colaborador habitual do IGADI, de cuxo consello reitor formaba parte. Ingresou na Real Academia Galega en 1998 co discurso O antigo réxime nunha familia do Baixo Miño. A Academia publicou tamén unha nota na que destaca que "cultivou a literatura dende moi novo e tamén foi o autor de obras de referencia na divulgación do léxico galego nunha época de grandes carencias nese eido".

Xulio Ríos, fundador e Presidente de Honra do IGADI, escribiu hai poucos meses este artigo, no que subliñaba que "Galicia lle debe un retrato a Franco Grande". Ríos destacaba que Franco Grande "é unha das figuras máis relevantes das nosas letras" e sinalaba que "poucas figuras teñen cultivado con tan alta calidade xéneros tan diversos como a poesía, o ensaio, o xornalismo, a crítica, a memoria, etc".  

"Galicia débelle un retrato a Franco Grande", escribía Xulio Ríos hai uns meses

O artigo acompañaba a publicación de A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Xulio Ríos (Galaxia), a última obra publicada por Franco Grande, que facía aquí un compendio de retratos de distintos persoeiros no ronsel do Libro dos amigos oteriano. 49 retratos que "sen querelo, tamén van trazando, coma nunha inesperada silueta a contraluz, a personalidade e a vida de quen escribe", destaba a editorial. "Galicia débelle un retrato a Franco Grande. Aínda que el sempre nos dirá que non", concluía Xulio Ríos.

Placa de homenaxe a Franco Grande en Redondela CC-BY-SA Jglamela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.