Nais e pais de colexios do Bierzo érguense contra un instituto que impide que o seu alumnado siga a estudar galego

Alumnado estudante de galego no Bierzo, nunha visita ao Museo Pedagóxico de Galicia CC-BY-SA Xunta

Hemeroteca

No actual curso, son case 1.200 persoas as que estudan galego de forma oficial nas provincias de León e Zamora. Os 1.173 alumnos e alumnas que acoden a clases de lingua galega en 19 centros -18 na comarca do Bierzo e un máis na de Seabra- son 58 máis que hai un ano e fano da man do programa de colaboración entre a Junta de Castilla y León e a Xunta. 

No entanto, e malia o incremento nun 5% do número de estudantes de galego nestes territorios de León e Zamora, as anpas de tres colexios de Ponferrada veñen de denunciar as dificultades e atrancos para que a rapazada que escolle aprender lingua galega nos centros poida continuar os estudos do idioma no seu paso ao instituto. 

Alumnado estudante de galego no Bierzo CC-BY-SA Xunta

Así o explica o colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo, que recolle as demandas das anpas dos colexios de Camponaraya, Cuatrovientos e Fuentesnuevas, que veñen de iniciar unha campaña para que os seus fillos e fillas poidan seguir estudando galego en Secundaria.  

As anpas dos colexios de Camponaraya, Cuatrovientos e Fuentesnuevas denuncian que o instituto adscrito non ofrece galego como materia malia que ten opción a incorporalo

Nestes centros, o alumnado estuda a materia de Lingua Galega co obxectivo de obter a titulación Celga 1 e optar nun futuro ao Celga 2. Ao comezar Secundaria, a rapazada queda adscrita "por vinculación territorial" ao instituto de Fuentesnuevas, onde non se oferta a materia actualmente. 

"No caso de querer seguir estudando galego, o alumnado vese obrigado a matricularse noutros institutos máis afastados, o que provoca tamén a perda do compañeirismo estudantil lingüístico en galego", explica Fala Ceibe. Ante esta situación, as anpas demandan a "oferta inmediata da materia de lingua galega no instituto Fuentesnuevas" para que os rapaces e rapaces procedentes dos tres centros poidan "continuar os seus estudos e obter finalmente o título Celga 2". 

O alumnado tería que optar por un instituto máis afastado ou rexeitar á posibilidade de obter o Celga 2, que a rapazada ve como unha opción para optar a un traballo en Galicia

As anpas dos tres centros explican que xa demandaron ao IES Fuentesnuevas que se incorpore ao programa de lingua galega. "En varias ocasións e sen éxito", declararon a varios medios, onde explican que nin a Secretaría Xeral de Política Lingüística nin a Dirección General de Educación da Junta poñen problema ningún á hora de incorporar o centro ao Programa de promoción do galego impulsado por ambas administracións. Segundo explican, cambiar agora de instituto e rachar coa evolución lóxica dos seus compañeiros suporíalles unha sensación de "castigo ou gueto". 

Fala Ceibe denuncia que a ausencia de galego neste instituto é "un novo exemplo de discrecionalidade política" e que abondaría cunha "autorización administrativa" que non hai. Así, explica que mentres "está normalizado que os colexios con oferta de galego do Bierzo estean adscritos a institutos tamén con esta materia, como nos de Vilafranca, Cacabelos e Ponferrada", no caso dos centros de Camponaraya, Catroventos e Fuentesnuevas "non poden hoxe continuar a súa aprendizaxe". 

Alumnado de galego no Bierzo, nun encontro en Vilafranca en 2018 CC-BY-SA Xunta

Ademais, a demanda das anpas advirte de que o instituto Fuentesnuevas imparte a rama sanitaria e que a inclusión da materia de galego e da preparación para o Celga 2  "permitiría opositar con éxito á ampla oferta de postos de traballo no Servizo Galego de Saúde e aos hospitais privados da Comunidade Autónoma de Galicia". "É un título que posibilita tamén superar outras numerosas oposicións en Galicia, coma á Xunta, deputacións e concellos", insisten. 

Fala Ceibe lembra que a nova normativa educativa da Junta que regula a autonomía dos centros docentes, deste mesmo ano, "permite a continuidade dos estudos de lingua galega nas distintas etapas educativas" e que abondaría con que o instituto Fuentesnuevas fixese unha solicitude á Administración para incorporar a materia Lingua e Cultura Galega como optativa ao abeiro do Programa para a Promoción da Lingua Galega.  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.