O tribunal rexeita a medida cautelarísima reclamada pola Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) de que o Goberno central entregue mascarillas a todos os centros sanitarios “en 24 horas”
O Tribunal Supremo vén de rexeitar este mércores a medida cautelarísima reclamada pola Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) de que o Ministerio de Sanidade entregue a todos os centros sanitarios “en 24 horas” material de protección fronte ao coronavirus. Faino argumentando que para tomar esa decisión sen escoitar antes os argumentos do Ministerio a CESM debera indicar que actuación de Sanidade é contra a que se dirixe a medida cautelarísima e argumenta que “non consta ningunha actuación contraria” á esixencia de que o persoal sanitario conte cos medios necesarios.
A CESM reclamou o venres ante o Tribunal Supremo, en aplicación da lei de prevención de riscos laborais, que o Ministerio de Sanidade entregase “con carácter urxente e inmediato, no termo de 24 horas”, en todos os centros sanitarios “batas impermeables, mascarillas FPP2, FPP3, gafas de protección e colectores grandes de residuos”. Fíxoo ao tempo que diversos responsables políticos autonómicos, entre eles o presidente Feijóo, culpaban ao Goberno central da falta de materiais e, ao tempo, admitían a dificultade de conseguilo nun mercado internacional saturado pola crise do coronavirus.
O Supremo di que "non consta ningunha actuación contraria" á esixencia de que os profesionais conten "con todos os medios necesarios"
No seu auto deste mércores, o Supremo destaca que a CESM non precisa contra que actuación da Administración se dirixe e fronte a cal considera que sería imprescindible a medida cautelarísima que reclama. O tribunal di ser “consciente da emerxencia en que nos atopamos e tamén da labor decisiva que para afrontala están realizando especialmente os profesionais sanitarios” e engade que “tampouco descoñece que deben contar con todos os medios necesarios para que a debida atención aos pacientes que están prestando de forma abnegada non poña en risco a súa propia saúde, nin a das persoas coas que manteñan contacto, e coincide en que se han de facer cantos esforzos sexan posibles para que conten con eles”. O Supremo engade que “sen embargo, non consta ningunha actuación contraria a esa esixencia evidente e si son notorias as manifestacións dos responsables públicos insistindo en que se están despregando toda sorte de iniciativas para satisfacela”.
O Supremo considera que a CESM non lle ofreceu, para poder atender a súa demanda, “elementos xudicialmente asequibles, os únicos que cabe considerar no proceso, en cuxa virtude deban acordarse [as medidas cautelarísimas reclamadas] sen oír á Administración”. O tribunal denega así as medidas cautelarísimas e acorda que se tramite unha peza ordinaria de medidas cautelares, na que xa se daría a palabra tamén ao ministerio, previa interposición por parte de CESM dun recurso contencioso-administrativo.