Ninguén sabe con certeza canto tempo continuará o buque quimiqueiro Blue Star encallado na contorna das Mirandas, en Ares, onde quedou na noite do pasado venres tras ser arrastrado polo temporal tras sufrir unha avaría cando abandonaba o fondeadoiro ao que acudira para resgardarse, precisamente, das malas condicións meteorolóxicas. Tras varios intentos infrutuosos para remolcalo, as prioridades que a lexislación permite fixar ao Estado pasan pola extracción do combustible do buque, traballos cuxo inicio está previsto para este martes.
A empresa propietaria do buque ten a obriga de presentar un plan concreto para desencallalo, pero antes debe retirar as arredor de 100 toneladas de combustible do 'Blue Star', que viaxaba sen carga
Aínda que o buque ten duplo casco -o Prestige era monocasco-, as arredor de 100 toneladas de gasóleo e fuel que utiliza como combustible son o elemento máis preocupante do Blue Star, toda vez que viaxaba sen carga -dirixíase, precisamente, á Coruña para cargar produtos químicos-. A empresa propietaria do buque, Singapur MTM, ten a obriga de presentar ás autoridades españolas un plan concreto para desencallalo. Pero antes, debe ser baleirado.
Primeiro "retirada do fuel" e despois, "refrotamento", resumía este luns o delegado do Goberno de España en Galicia, Javier Losada, tras participar nunha xuntanza coa secretaria xeral de Transporte do Ministerio de Fomento, María José Rallo, o director de Salvamento Marítimo, José Luis García, e mais representantes das capitanías marítimas e dos portos atinxidos polo operativo, así como coa propia empresa. "A prioridade é a extracción do fuel e do gasóleo" antes da propia retirada do barco, reitera.
Á espera da definición exacta dos detalles do operativo de extracción, que a armadora tiña a obriga de presentar este mesmo luns, Fomento avanza cales serán os principais trazos da operación. O combustible será "bombeado con mangueiras" dende o barco ata camións cisterna situados en terra, segundo o trasladado "verbalmente" pola empresa.
O Goberno central afirma que este martes 26 estarán en marcha os traballos para retirar o combustible, pero evita fixar prazos para o refrotamento do barco accidentado
Dado que os propietarios do Blue Star decidiron acollerse á opción legal de contratar medios de seu e non recorrer aos estatais, Fomento asegura estar "chequeando cada doce horas" o estado do buque ante posibles incidencias e os portos da Coruña e Ferrol manteñen activos os seus plans de emerxencias. Así e todo, matiza Losada, a compañía segue tendo "á disposición" os medios estatais e utilizará previsiblemente algúns deles para tarefas como "o transporte do persoal", indica.
Mentres que o Goberno central si afirma que os traballos para a extracción do combustible comezarán decontado e cabe agardar que "a partir de mañá", en referencia ao martes 26, se inicie a propia extracción do fuel e o gasóleo, Losada evita concretar os prazos para o refrotamento do buque tras os intentos fracasados de remolcalo tanto por parte dos medios públicos como, despois, por parte da comañía SMIT, contratada pola armadora. Trátase da mesma empresa que remolcou o Prestige no ano 2002 tras a controvertida decisión de afastalo da costa galega cara a mar aberto, onde acabaría partindo e afundindo.