O Concello de Lugo acode á Fiscalía por posibles filtracións nas oposicións da Policía Local

Control da Policía Local de Lugo para vixiar o cumprimento das medidas fronte á COVID © Concello de Lugo

A principios deste mes de setembro, o Concello de Lugo desenvolveu os exames do proceso selectivo para cubrir sete prazas de inspectores da Policía Local en réxime de promoción interna. As "coincidencias patentes" entre as respostas de catro dos axentes participantes e destas co cadro de resultados correctos advertidas pola maxistrada que presidiu o tribunal cualificador vén de provocar a paralización das oposicións e a decisión do goberno local de trasladar o acontecido á Fiscalía.

A maxistrada que presidía o tribunal das oposicións detectou "coincidencias patentes" entre as respostas dos catro axentes que obtiveran as mellores notas do exame do suposto práctico e destas co cadro de solucións correctas do exercicio, sinala o Concello

Segundo detalla o propio Concello, o proceso constaba de dúas probas. O primeiro exame, "tipo test", compúñase de dous bloques: o primeiro centrábase en dereito penal e procesual e fora elaborado pola xuíza que presidía o tribunal. O segundo bloque dese primeiro exame e tamén a segunda proba, a resolución dun suposto práctico, "foron elaborados polos tres vogais do tribunal", que eran "dous policías locais de fóra de Lugo e un policía nacional".

Sempre segundo o relato feito público polo goberno local, o exame tipo test foi aprobado "pola totalidade dos catorce axentes" que optaban aos postos. No segundo aprobaron oito dos catorce, pero nel a presidenta do tribunal observou "certas coincidencias patentes nas respostas dalgúns supostos prácticos entre eles e coa plantilla de resultados correctos". Ese suposto práctico, segundo informou El Progreso, consistía en deseñar un dispositivo de seguridade para unha visita do presidente da Xunta á cidade.

A alcaldesa de Lugo e o xefe da Policía Local, revisando novos vehículos do corpo policial, nunha imaxe de arquivo © Concello de Lugo

Esas coincidencias, agrega, producíronse entre "os catro aspirantes que obteñen as mellores puntuacións". Entre eses mesmos catro axentes, informou a presidenta do tribunal, "detéctase tamén que obteñen tamén os mellores resultados no exame tipo test", pero "coa particularidade de que unicamente ou moi maioritariamente fallan as respostas do bloque de preguntas de dereito penal", o elaborado pola maxistrada, mentres que "acertan íntegra ou maioritariamente o resto das 89 preguntas do exercicio".

Neste escenario, a maxistrada decidiu dimitir como presidenta do tribunal, pero tamén comunicar o acontecido mediante un informe á alcaldesa lucense, Lara Méndez, e máis á edil responsable de Persoal, Paula Alvarellos, "para que o proceso se desenvolva coas debidas garantías" e "se adopten as decisións procedentes de cara a preservar a legalidade e obxectividade do proceso selectivo. Os restantes tres membros do tribunal tamén dimitiron "mediante correos electrónicos".

"A Alcaldía, como non pode ser doutro xeito, deu traslado á Fiscalía por se procede abrir dilixencias coa fin de pescudar se os feitos poden ser constitutivos dalgún ilícito penal"

Sinala Alvarellos que, unha vez coñecido o informe da presidenta do tribunal e tras consultar coa asesoría xurídica municipal, "a Alcaldía decidiu, como non podía ser doutra maneira, dar traslado á Fiscalía". Trátase, indica o Concello, de que o Ministerio Público determine "se procede abrir dilixencias coa fin de pescudar se estes feitos poden ser constitutivos dalgún ilícito penal". 

Nun comunicado feito público e que recolle El Progreso, os catro axentes que lograron as mellores notas lamentan o "impacto sobre a honorabilidade e a reputación" que están a sufrir e que, din, interfire co seu dereito á presunción de inocencia. Agregan que, cando conclúan as pescudas da Fiscalía, coas que "colaborarán", realizarán unha "análise pública do acontecido".

Mentres os feitos se aclaran, o proceso selectivo para inspectores da Polícia Local "queda suspendido". Ao tempo, "convocaremos aos suplentes do tribunal para dar continuidade" ás outras oposicións previstas no corpo policial, as destinadas a cubrir prazas de oficiais. O PP local, pola súa banda, acusa o goberno local de trasladar o acontecido á Fiscalía para "amortecer a súa responsabilidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.