O excesivo uso de pantallas eleva ao 43% a porcentaxe de miopes entre a mocidade galega

Un optometrista realiza probas de visión a unha moza nun centro galego © CCOG

O problema é máis grave entre os 17 e os 25 anos, no que o 43,8% dos mozos e o 43,1% das mozas sofren miopía

A porcentaxe de mozos e mozas que non ven correctamente leva anos en ascenso. O Colexio Oficial de Ópticos Optometristas de Galicia, xunto con outras entidades, leva anos alertando do problema, que se traduce nun forte aumento dos casos de miopía e, ademais, dos casos graves -as miopías magnas: máis de seis diptrías-, que aumentan o risco de padecer problemas patolóxicos de importancia, coma o desprendemento de retina, glaucoma, cataratas ou dexeneración macular.

Segundo os datos do Colexio, o 19,8% da poboación galega é miope, con diferenzas por idade e sexo. Asi, entre os 6 e os 16 anos, un 17,1% dos nenos e o 20,2% das nenas son miopes. Pero o problema é moito máis grave no seguinte grupo de idade, entre os 17 e os 25 anos, no que o 43,8% dos mozos e o 43,1% das mozas sofren miopía. Nas persoas de máis de 25 anos a proporción de miopes é, de momento, máis reducida, pois afecta ao 17,8% dos varóns e ao 18,8% das mulleres.

O aumento de casos "está relacionado directamente cos hábitos de vida que temos, posto que cada vez máis os nenos pasan menos tempo en actividades ao aire libre e utilizan en exceso a visión próxima con dispositivos dixitais"

O empeoramento dos datos entre mozos e mozas preocupa "enormemente" ao Colexio, que sinala que as persoas que son miopes a esas idades "na idade adulta poden aumentar o risco de padecer enfermidades visuais graves e sufrir un empeoramento da calidade de vida".

Hai uns días, no marco da conmemoración do Día Mundial da Visión, impulsado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e dedicada este ano á miopía, a presidenta do Colexio de Ópticos Optometristas de Galicia, Esther Amaro, destacou que o aumento de casos "está relacionado directamente cos hábitos de vida que temos, posto que cada vez máis os nenos pasan menos tempo en actividades ao aire libre e utilizan en exceso a visión próxima con dispositivos dixitais".

O Colexio alerta do aumento dos casos graves -as miopías magnas: máis de seis diptrías-, que elevan o risco de padecer problemas patolóxicos de importancia, coma o desprendemento de retina, glaucoma, cataratas ou dexeneración macular

O Colexio de Ópticos de Galicia recomenda promover "as actividades dos nenos e nenas ao aire libre" e limitar "o uso de dispositivos electrónicos", especialmente de móbiles e tablets. Neste senso, fai fincapé na conveniencia de non situar a vista a menos de vinte centímetros da pantalla. No caso dos nenos e nenas, a recomendación é limitar a unha hora diaria como máximo a súa exposición ás pantallas de dispositivos electrónicos. Ademais, aconséllase que pasen, cando menos, 90 minutos ao día ao aire libre e que realicen 60 minutos de actividade física ao día.

Os datos galegos coinciden cos doutros estudos publicados no conxunto do Estado español e noutros países, que alertan do crecente problema. De deito, a OMS calcula que no ano 2050 a metade da poboación será miope, o que representa "un desafío importante para a saúde pública e o benestar da poboación".

Un optometrista realiza probas a unha moza nun centro galego © COOG

O pasado ano o estudo O estado da saúde visual dos adolescentes en España, presentado pola asociación de utilidade pública Visión y Vida, a Fundación MAPFRE e Correos Express, alertaba de que o 30% dos mozos e mozas entre 12 e 18 anos é miope. Ademais, calculaba que en cinco anos a graduación media dos lentes de mozos e mozas se incrementara de media en dúas dioptrías.

"Ata os sete anos do menor non hai un tempo recomendable para o uso de pantallas no que se refire a saúde visual: o seu sistema non está desenvolvido para enfrontarse a iso e o mellor é limitar o seu uso até pasada esa idade", alertaba o pasado ano un estudo de Visión e Vida

Segundo este estudo, os casos máis graves (de máis de seis dioptrías ou miopía magna) entre a mocidade pasaron en só cinco anos do 1,3% ao 8,2% de todos os casos de miopía, seis veces máis. De igual xeito, os que teñen entre 4,25 e 6 dioptrías pasaron de representar o 5,9% a ser 24,9% do total. Este estudo tamén responsabilizaba do empeoramento da vista de mozos e mozas á vida sedentaria e ao uso excesivo de pantallas, especialmente dos móbiles.

"Ata os sete anos do menor non hai un tempo recomendable para o uso de pantallas no que se refire a saúde visual: o seu sistema non está desenvolvido para enfrontarse a iso e o mellor é limitar o seu uso até pasada esa idade", destacaban os responsables do estudo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.