O home que bateu nunha muller da Coruña por vender produtos cataláns tentou quitarlle o móbil co que o fotografou

Frutas Sandra, na Coruña © guiademicroempresas.es

Sandra rexenta unha froitaría na céntrica rúa coruñesa do Marqués de Pontejos. Na tarde do martes traballaba no almacén do local cando un home corpulento, duns 70 anos, se achegou a esta parte do local para instala a saír "fóra". Pretendía que a traballadora retirase do local unhas peras procedentes de Lleida por seren de orixe catalá. Como informou La Opinión de A Coruña, ao non atopar resposta positiva á súa esixencia, propinou varias puñadas á muller. Ademais, tras a agresión, tentou quitarlle o móbil co que o fotografou para procurar quedar con probas do ocorrido.

O local de Sandra foi un ir e vir de medios de comunicación este xoves, cando os feitos xa transcenderan a varios medios. En declaracións á Radio Galega volveu relatar os feitos, que xa puxo en coñecemento da Policía mediante unha denuncia co correspondente parte de lesións fornecido polo médico que a atendeu por mor dos golpes recibidos. "Ti sabes que tes aquí froita de Cataluña, como te atreves a comprarlles? Retira isto de aquí!", conta Sandra que clamou o agresor. 

"Ti sabes que tes froita de Cataluña, como te atreves a comprarlles? Retira isto de aquí!", conta Sandra que esixiu o agresor

"Eu díxenlle se me molestaba para iso, para falarme de Cataluña", relatou a traballadora agredida, quen detalla que a reacción do home foi "darme un corte de manga diante da cara". "A miña reacción foi coller o móbil" e advertilo: "Vouche sacar unha foto e vou chamar á Policía, a min non me tratas así". "Por querer defenderme saqueille unha foto" e nese punto chegaron os golpes. "Deume dúas puñadas na cara e na cabeza", golpes polos que aínda se resente.

Marca de froita que o agresor da Coruña esixiu retirar da froitaría © Lleida Fruits

"Deume dúas puñadas, na cara e na cabeza"

Dado que as imaxes poden constituír probas da agresión, o home arrebatoulle o teléfono, explica a agredida. "Eu berrei, pedín axuda, quería o meu móbil" pero boa parte dos responsables dos locais lindeiros e mesmo persoas na rúa ignoraron a agresión. "Chamei á xente", clamando "por favor, chamade á Policía, este home pegoume". Nos negocios do lado, lamenta, "enteráronse, pero non saíron".

As peras da froitaría de Sandra van seguir vindo de Lleida. "A ver se non me pasa nada; medo queda, claro", admite

Si atopou axuda "nun rapaz que cruzou" dende a outra beira a rúa. "Non o coñezo e encantaríame velo, para darlle as grazas". El foi o que teimou en que o agresor devolvese o móbil. Diante das advertencias do rapaz acabou accedendo e "botou a correr". Despois, xa co agresor fuxido, varias mulleres interesáronse polo seu estado e axudárona, relata.

Aínda co susto no corpo, Sandra agarda pola investigación policial. Ignora a identidade do agresor, aínda que "alguén me dixo que debe ser da zona". Asegura que é a primeira vez que lle sucede algo así, pero non a primeira vez que sofre reproches por vender produtos cataláns. "Temos produtos de Cataluña e de toda España" e nas máis das veces "xa non entro, porque sei que é perigoso", afirma. As peras da súa froitaría van seguir "vindo de Lleida". "A ver se non me pasa nada", reflexionou en declaracións á Galega. "Medo queda, claro", admite.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.