O peor incendio, declarado en Trabada contra o mediodía deste xoves, obrigou a desaloxar vivendas e foi empurrado polo vento cara ao norte ata obrigar a cortar a Autovía do Cantábrico
Un 12 de outubro con máis de 30 graos de temperatura e ventos de consideración en boa parte do país foi o escenario propicio para que nunhas poucas horas se propagasen varios incendios declarados en diversos puntos da xeografía galega.
No que ía de ano, segundo os datos divulgados pola Xunta, todos os incendios rexistrados sumaban apenas 2.600 hectáreas, que ían camiño de converter 2023 nun dos mellores exercicios da serie histórica. É exactamente a mesma superficie que o lume leva arrasado dende o xoves.
Un dos incendios deste 12 de outubro, declarado contra o mediodía en Trabada, requiriu a primeira hora da noite deste xoves a declaración da denominada Situación 2, por posible afección a lugares habitados, e levou a desaloxar vivendas. Na súa propagación cara ao norte provocou o corte da Autovía do Cantábrico (A-8) entre Ribadeo e o acceso á praia das Catedrais (puntos quilométricos 508 a 516) así como da LU-133 que atravesa Trabada. A última hora da tarde deste sábado a Xunta actualizaba a 1.900 hectáreas a superficie queimada.
Tamén na Mariña, en Foz, catro incendios moi próximos uns aos outros sumaron unhas 234 hectáreas queimadas. Estes incendios foron definitivamente extinguidos este sábado pola tarde.
No resto de Galicia, por extensión o incendio máis grande dos declarados nas últimas horas sitúase no Macizo Central ourensán, en Vilariño de Conso, na parroquia de Chaguazoso, con 213 hectáreas.
No Parque Natural do Xurés un incendio no concello de Lobeira, parroquia de Parada, afecta a case 111 hectáreas. E tamén en Chantada, na parroquia de Requeixo, outro lume suma xa unhas 89 hectáreas.
Pola súa banda, un incendio na parroquia de Nieva, no concello de Avión, deuse por controlado a primeira hora da noite do xoves tras queimar unhas 73 hectáreas e a primeira hora da mañá deste venres era dado por extinguido.