O incendio no Xurés eleva a case 9.000 as hectáreas ardidas en Galicia en agosto, o dobre que en 2021

Incendio na Serra do Xurés © Brif Tabuyo

O lume non dá tregua este verán en Galicia. Aínda que a Xunta informa de poucos incendios nos últimos días, as condicións meteorolóxicas seguen a impulsar os fogos, algún deles cunha importante extensión de terreo afectada. 

Así, o incendio que se rexistrou a noite do pasado mércores no concello de Lobeira, na provincia de Ourense, e que afecta o parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, desbocouse durante horas ata alcanzar superar as 560 hectáreas ardidas, o que xa o convertería de momento no quinto incendio de maior superficie de agosto. 

No que vai deste mes xa se queimaron preto de 9.000 hectáreas en Galicia, arredor de 8.800, que supoñen o dobre de todo o que se queimou en 2021. 

Brigadas de extinción traballando no incendio de Lobeira CC-BY-SA Brif Laza

Preto de 10.000 hectáreas arderon xa en agosto en Galicia e unhas 44.000 en pouco máis dun mes

As lapas queimaran xa unhas 600 hectáreas no Xurés o venres, segundo as informacións de Medio Rural, malia que contra a medianoite do mércores ao xoves advertira da "evolución favorable" dun incendio que se encamiñaba á "estabilización" tras queimar 15 hectáreas. 

Na primeira hora da mañá do xoves xa eran 30 as hectáreas ardidas, unhas medicións que ascenderon a 93 de estimación así que se retirou á néboa ás poucas horas e a máis de 260 pouco despois. Finalmente, pouco antes das seis da tarde, a cifra ascendía a 320 e seguiu subindo ata os niveis actuais. 

Finalmente, na tarde do pasado venres, quedaba estabilizado e no seu control xa traballaran un técnico, 37 axentes, 103 brigadas, 57 motobombas, 4 pas, unha unidade técnica de apoio, 11 avións e 13 helicópteros.

Xa que logo, e despois de tres días de tregua a pasada fin de semana, o lume volve ser protagonista negativo en Galicia con máis de mes e medio de importantes incendios. 

O peor momento deste verán rexistrouse na terceira semana de xullo, cando tras os raios do día 14 desatáronse os principais incendios do ano, entre eles os dous maiores incendios en Galicia desde que hai rexistros, no Courel e Valdeorras, con máis de 10.000 hectáreas cada un deles. En total, só durante a vaga de incendios de xullo, entre o día 14 e finais dese mes, arderon en toda Galicia máis de 34.000 hectáreas.

En total, neste verán, son unhas 43.000 as hectáreas ardidas. No que vai de agosto, e sumadas a superficie arrasada destes últimos días, son case 9.000 as afectadas polo lume. Aproximadamente o dobre do ardido durante 2021, un ano que foi excepcional -por positivo- nos montes galegos en canto a hectáreas ardidas polo lume, cunhas 4.400, o ano con menor número de focos en catro décadas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.