O Ministerio de Sanidade autoriza a mobilidade entre as provincias galegas a partir do luns

Ponte sobre o río Ulla, entre Padrón e Pontecesures, no límite provincial entre A Coruña e Pontevedra © Turismo Rías Baixas

Despois de case tres meses sen poder cruzar o límite territorial da súa provincia, os galegos e galegas poderán a partir deste luns moverse con liberdade por calquera punto de Galicia, de xeito que unha persoa residente na Coruña poderá desprazarse á Terra Cha, alguén que viva en Ourense poderá achegarse ata a comarca de Vigo ou alguén de Noia poderá ir a Pontevedra.

O presidente da Xunta pasa a ser a "autoridade competente" encargada de xestionar o proceso de desconfinamento

Cando este venres se confirmou o paso de Galicia á fase 3 do proceso de desconfinamento, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, foi moi claro á hora de indicar que nese momento a mobilidade entre provincias dunha mesma comunidade autónoma ía estar permitida. O BOE deste sábado vén de publicar as ordes ministeriais que fan efectivas esas disposicións.

Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa deste venres © Xunta

A Orde SND/507/2020 do Ministerio de Sanidade converte a Galicia na "unidade territorial de referencia" para as normas ditadas para a Fase 3, substituíndo ás catro provincias galegas, que ata agora funcionaban como referencia. Así, para todo o o territorio galego aplícase o artigo 7 da Orde SND/458/2020, publicada o pasado sábado, que indica que na Fase 3 "se poderá circular pola provincia, illa ou unidade territorial de referencia a efectos do proceso de desescalada". Esta liberdade de circulación por todo o territorio galego entrará en vigor a partir das 0 horas do luns, é dicir na medianoite do domingo ao luns.

Esta liberdade de circulación por todo o territorio galego entrará en vigor a partir das 0 horas do luns, é dicir na medianoite do domingo ao luns

Ademais, o presidente da Xunta pasa a ser "a autoridade competente delegada para a adopción, supresión, modulación e execución de medidas correspondentes á fase III do plan de desescalada" e faino en exclusiva, como indica o acordo do Congreso para a prórroga do estado de alarma, aprobado esta semana pola cámara e publicado este sábado. Así pois, a Xunta podería limitar nalgún momento a mobilidade entre provincias, se así o considerase conveniente, pero non ten que aprobar ningunha norma adicional para permitir esta liberdade de circulación.

A Xunta de Galicia manifestara en numerosas ocasións o seu desexo de que se permitise a mobilidade entre as distintas provincias galegas, e así llo demandou ao Goberno central. Este mesmo venres volveu facelo, sinalando que a mobilidade interprovincial "permitirá mellorar á Comunidade desde o punto de vista socioeconómico" e lembrando a boa situación epidemiolóxica de Galicia, cunha Incidencia acumulada nos últimos siete días de 0,41 casos diagnosticados por cada 100.000 habitantes, fronte aos 4,84 casos por cada 100.000 habitantes no indicador do conxunto de España.

Mentres Galicia permaneza na Fase 3, non se permitirán os desprazamentos cara a outras comunidades ou dende outros territorios con destino a Galicia

A única competencia ligada á aplicación das normas de desescalada da que o presidente da Xunta carecerá será a das "medidas vinculadas á liberdade de circulación que excedan o ámbito da unidade territorial determinada para cada comunidade autónoma". Así pois, mentres Galicia permaneza na Fase 3, non se permitirán os desprazamentos cara a outras comunidades ou dende outros territorios con destino a Galicia.

A texto publicado no BOE tamén recolle, como xa adiantara o ministro Illa este venres, que o presidente da Xunta será quen decida o momento en que Galicia "supera" a Fase 3 e entra na denominada "nova normalidade", na que si se permitirán os desprazamentos entre as distintas comunidades autónomas.

Barra dun bar CC-BY-SA Guillermo Ruíz

Que cambia na Fase3?

Os principais cambios entre as fases 2 e 3 afectan á capacidade permitida en comercios, locais de hostalaría e espazos e eventos culturais

O BOE do pasado sábado 30 de maio recollía as actividades permitidas en fase 3, completadas pola orde ministerial publicada esta mañá. Os principais cambios entre as fases 2 e 3 afectan á capacidade permitida en comercios, locais de hostalaría e espazos e eventos culturais.

  • Franxas horarias para o paseo: Elimínanse na súa totalidade (na fase 2 mantíñanse as das persoas maiores de 70 anos).
  • Reunións sociais: O límite máximo para o encontro de grupos de persoas elévase de 15 a 20 persoas.
  • Teletraballo: Non hai grandes cambios. Séguese recomendando "a continuidade do teletraballo para aqueles traballadores que poidan realizar a súa actividade laboral a distancia". Porén, as empresas poderán elaborar "protocolos de reincorporación presencial á actividade laboral, sempre de acordo coa normativa laboral e de prevención de riscos laborais".
  • Locais de apostas: Permítese a apertura de casinos e locais de apostas, cun límite de 50 persoas no seu interior.
  • Deporte: Elimínanse restricións, pois poderán practicar deporte xuntos en calquera lugar grupos de ata 20 persoas, sen contacto e respectando un límite máximo do 50% na capacidade dos locais pechados. Non se esixirá cita previa nestas instalacións e permítese o uso dos vestiarios e duchas.
  • Bibliotecas e museos: Permítense as actividades culturais en bibliotecas e museos, cun límite do 50% na súa capacidade.
  • Locais de hostalaría: A capacidade permitida será do 50%, pero aumenta ao 75% nas terrazas. Ademais, poderán usarse as barras dos bares, garantindo unha separación de 2 metros entre persoas.
  • Discotecas: Aínda que nun comezo non ía ser permitido, as discotecas e locais de ocio nocturno poderán abrir cun máximo do 30% da súa capacidade, uso obrigatorio de máscara e gardando en todo momento a distancia física de dous metros. Ademais, non se poderá utilizar a pista de baile.
  • Comercios: A capacidade permitida aumenta ao 50%, pero deberá respectarse en todo momento a distancia social e as quendas reservadas a persoas maiores.
  • Espectáculos culturais: A capacidade permitida é do 50%, cun máximo de 80 persoas en espazos pechados e 200 ao aire libre
  • Velorios: Poden ser de 50 persoas ao aire libre e 25 persoas en locais pechados. As misas poden ocupar o 75% da capacidade das igrexas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.