O número de novos diagnósticos de coronavirus en Galicia baixa ata 32, con 21 novas hospitalizacións

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Galicia continúa mellorando de forma paseniña os seus indicadores epidemiolóxicos sobre os efectos do coronavirus. Segundo a información facilitada polo Ministerio de Sanidade, nas últimas 24 horas rexistráronse 32 diagnóstivos de Covid-19 a través de PCR, a proba máis fiable. Trátase da cifra máis reducida nos últimos nove días e leva a que a incidencia acumulada da enfermidade (número de casos novos por cada 100.000 habitantes) descenda ata os 33,01 casos nos últimos 14 días.

Tamén se rexistraron outros 89 positivos de coronavirus a través de probas realizadas cos diversos tipos de test anticorpos

Galicia atópase polo tanto moi preto da cifra de referencia de 30 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos días, un indicador que xa acadou se unicamente temos en conta os datos da última semana. O noso país atópase lixeiramente por debaixo da incidencia media no Estado, que este sábado se sitúa nos 34,51 casos. En todo caso, a tendencia é claramente positiva, pasando os datos galegos dunha incidencia de ao redor de 60 casos o pasado sábado ata os 33 que se rexistran sete días despois.

Ademais, se observamos os datos facilitados pola Consellaría de Sanidade, atopamos que tamén se rexistraron outros 89 positivos de coronavirus a través de probas realizadas cos diversos tipos de test anticorpos. No caso destes coñecidos como test rápidos, os datos non son necesariamente do último día e a súa fiabilidade é relativa. A cifra mantense en niveis semellantes aos dos días previos, nos que amosou unha gran oscilación (54 o martes, 193 o mércores, 111 o xoves, 63 o venres...).

A tendencia é claramente positiva, pasando a incidencia do coronavirus en Galicia dos ao redor de 60 casos o pasado sábado ata os 33 que se rexistran sete días despois

Nas últimas 24 horas houbo tres mortes en Galicia, o que eleva a cifra total de falecementos polo coronavirus a 591.

En total, segundo a información da Consellería de Sanidade, en Galicia hai nestes momentos 2.758 "casos activos" de coronavirus (sumando pacientes hospitalizados e aqueles casos máis leves que se atopan nos seus domicilios). Son 31 máis que os existentes este xoves, no que constitúe o primeiro incremento dende os cambios de cómputo levados a cabo polo Sergas hai dúas semanas. A cifra mantén unha grande estabilidade dende hai dous días. 2.551 destes casos son leves, pacientes que se atopan nos seus domicilios.

A cifra do que o Sergas segue denominando "curacións", pero que tamén reflicten negativos de test rápidos -como detalla o Ministerio- chega ás 7.225.

Nas últimas 24 horas houbo un total de 21 novas hospitalizacións pola Covid-19 en Galicia, dúas delas en UCI

Nas últimas 24 horas houbo un total de 21 novas hospitalizacións pola Covid-19 en Galicia, dúas delas en UCI. En total, o número de persoas ingresadas nas Unidades de Coidados Intensivos segue a descender e se sitúa xa en 24. Ademais, a cifra de persoas hospitalizadas en planta tamén se reduciu, pasando de 196 a 183. Cómpre ter en conta, non obstante, que non todas as reducións significan necesariamente que se trate de pacientes de alta hospitalaria, xa que as novas normas do cómputo do coronavirus implican que un paciente con test negativo deixa de figurar na estatística da covid-19 aínda que sexa preciso que siga ingresado.

Nas residencias de maiores e centros de atención á discapacidade seguen a mellorar os indicadores. Este xoves só se rexistrou un falecemento, ficando a cifra total de mortes en 267. Tamén descende o número de residentes e traballadoras infectados e infectadas de Covid-19 ata un total de 584 (eran 612 este venres). A cifra chegou a ser a máis de 1.400 a mediados do mes de abril. Entre os casos que seguen activos, 274 corresponden a usuarios e usuarias de residencias de maiores, 202 a traballadoras e traballadores, 74 a usuarios e usuarias dos CAPD e 34 ao seu persoal.

Realizáronse unicamente 1.567 probas PCR, chegando ás 113.167. Nos últimos seis días non houbo ningún no que as PCR realizadas en Galicia chegasen ás dúas mil, cando o habitual hai unhas dúas ou tres semanas era que o seu número superase amplamente as tres mil ao día. A proporción de PCR que teñen un resultado positivo descende este sábado ata o 2,04%, unha porcentaxe que dende o pasado 20 de abril vén descendendo moi lentamente, despois de facelo con rapidez nas semanas previas.

Nas últimas 24 horas Santiago, Vigo e Pontevedra incrementaron o seu número de "casos activos", que se reduciu nas restantes áreas

Dos 2.758 casos activos, 650 corresponden á área sanitaria da Coruña, 166 á de Lugo, 426 á de Ourense, 147 á de Pontevedra, 754 á área de Vigo, 500 á de Santiago, e 115 á de Ferrol. Nas últimas 24 horas Santiago, Vigo e Pontevedra incrementaron o seu número de "casos activos", que se reduciu nas restantes áreas.

A área sanitaria con máis positivos neste momento segue sendo Vigo e o territorio con máis incidencia da enfermidade (casos por habitante) é o que abrangue a área sanitaria de Ourense, seguido de Vigo e A Coruña. Pola contra, Pontevedra, Lugo e Ferrol son as áreas con menos casos por habitante.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.