O número de novos positivos de COVID sitúase en niveis previos ao Nadal, pero co dobre de camas ocupadas nos hospitais

© Sergas

A terceira onda da pandemia provocada pola relaxación das medidas de prevención e restricións dende mediados do mes de decembro e especialmente no Nadal segue a descender a súa incidencia en Galicia. A redución do número de novos casos diagnosticados cada día, unha vez superado o 'pico' da terceira vaga a finais de xaneiro deixa as cifras de positivos diarios nun nivel semellante (e mesmo inferior) ao que se rexistraba nos días previos ao Nadal. 

A media diaria de novos casos nos últimos sete días, algo por riba dos 272, está por debaixo do dato do 24 de decembro (309) e de feito sitúase por debaixo de calquera cifra acadada nese mes de decembro

Boas novas que contrastan coa situación dos hospitais en Galicia, nos que o número de camas ocupadas segue a ser moi alto. A mellora tamén se percibe na ocupación hospitalaria, pero a cifra de camas ocupadas, que bateu a comezos de febreiro os seus máximos, segue aínda moi por riba no nivel previo á Noiteboa. De feito, a pesar na diminución das últimas semanas, a ocupación hospitalaria aínda é máis alta que no 'pico' da segunda onda.

Este martes notificáronse 279 novos diagnósticos de Covid-19 en Galicia, 223 deles detectados por unha proba PCR nas últimas 24 horas. A media diaria de novos casos nos últimos sete días, algo por riba dos 272, está por debaixo do dato do 24 de decembro (309) e de feito sitúase por debaixo de calquera cifra acadada nese mes de decembro. Hai que viaxar ata comezos de outubro para atopar unha cifra menor.

A Incidencia Acumulada a 14 días descende este mércores ata os 214,72 casos por cada 100.000 habitantes, aínda por riba do nivel previo ao Nadal. Con todo, a IA dos últimos 7 días, que recolle máis fielmente a situación actual, si que se sitúa en valores próximos aos que se rexistraban na semana anterior á Noiteboa. 

A razón de taxas, que compara a Incidencia Acumulada actual coa que se rexistraba hai 7 días e que amosa, polo tanto, a evolución do ritmo de descenso da terceira onda, leva estable dende hai días cunha leve tendencia de ascenso, o que amosa unha certa desaceleración neste descenso que, con todo, segue a ser moi claro. 

Seguen a producirse mortes relacionados coa Covid-19, que chegan este mércores a 2.196, con dúas novas mortes rexistradas este martes. 

A taxa de positividade mantense en niveis moi reducidos, ao redor do 3,5% no conxunto de Galicia na media dos últimos sete días, con valores máis elevados en Ferrol, Pontevedra e Lugo e máis baixos en Vigo, Santiago e Ourense.

Nas residencias mantense a tendencia que vén marcando as últimas semanas, cun forte descenso no número de casos activos e de mortes e a aparición de moi poucos novos positivos. Este mércores foron unicamente dous en toda Galicia, un entre os usuarios destes centros e outro entre o persoal.

O número total de camas ocupadas nas UCI (133) aínda duplica o nivel que se rexistraba en decembro (entre 50 e 60) e o mesmo sucede no conxunto de unidades: 634 camas ocupadas, fronte ás 300 ou 350 dos días previos ao Nadal

Como dicíamos, o principal motivo de preocupación segue estando nos hospitais, onde o número de persoas ingresadas despois de ser sido infectadas coa Covid-19 segue en valores moi elevados. Este mércores son 133 as persoas ingresadas nas UCI e máis de 500 no resto de unidades de hospitalización. A cifra total está na metade do máximo acadado hai algo máis de tres semanas, o que amosa un bo ritmo de descenso, pero é aínda moi alta. De producirse un rebote no número de casos e unha nova escalada nos contaxios, o sistema hospitalario estaría de novo nunha posición complicada.

O número total de camas ocupadas nas UCI (133) aínda duplica o nivel que se rexistraba en decembro (entre 50 e 60) e o mesmo sucede no conxunto de unidades: 634 camas ocupadas, fronte ás 300 ou 350 dos días previos ao Nadal.

A Incidencia Acumulada segue a descender na maior parte de Galicia. Hai xa 70 concellos que non rexistraron ningún caso de Covid-19 nos últimos 14 días. Só dous (Moeche e Guitiriz) manteñen incidencias por riba dos 1000 casos por cada 100.000 habitantes e outros sete sitúanse entre 500 e mil.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.