O número de persoas hospitalizadas polo coronavirus en Galicia achégase ás 500, con 69 na UCI

CC-BY-NC-SA Praza Pública

O número total de positivos é de 1.598, 224 máis que o día anterior. Esto significa un ascenso do 16%

Os casos de coronavirus manteñen a súa escalada en Galicia, pero sen presentar a gravidade das situacións de saturación hospitalaria que se están a dar noutros territorios. O número total de positivos confirmados ata as últimas horas deste martes era de 1.598, 224 máis que o día anterior. Esto significa un ascenso do 16%.

Polo de agora, en Galicia rexistráronse 25 altas de pacientes e 30 falecementos. Os últimos falecementos corresponden a dous varóns de 82 anos, que estaban ingresados no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, e que tiñan enfermidades previas; e a outro varón de 74 anos, que estaba ingresado no Hospital 
Montecelo de Pontevedra, e que tamén presentaba outras patoloxías.

Galicia suma 25 altas de pacientes e 30 falecementos

No conxunto de España os contaxios seguen medrando a un ritmo do 20%, con 7.937 novos casos no último día. Tamén crece un 20% o número de ingresos en UCI, ata 3.166. No último día producíronse 738 novos falecementos, un 27% máis, sumando xa 3.434. As comunidades autónomas con máis novos casos seguen sendo Madrid e Cataluña, con máis de dous mil contaxios novos cada día. Madrid, A Rioxa, Navarra, País Vasco, Castela-A Mancha, Castela-León e Cataluña son os territorios con máis casos por habitante.

Un dos aspectos que segue a preocupar máis é a capacidade do sistema sanitario de facer fronte ao crecente número de ingresos hospitalarios, sobre todo en UCI. O número total de persoas infectadas polo coronavirus en Galicia que foron ingresadas nos centros sanitarios é de 478, 409 en unidades convencionais e 69 na UCI. Os ingresos en UCI aumentaron en 15 persoas con respecto ao día anterior.

O número total de persoas infectadas polo coronavirus en Galicia que foron ingresadas nos centros sanitarios é de 478, 409 en unidades convencionais e 69 na UCI

Este martes a Consellería de Sanidade estimou que precisará ata 4.000 camas hospitalarias para atender casos de coronavirus. Os datos máis recentes do catálogo hospitalario do Ministerio de Sanidade especifican que a sanidade pública dispón en Galicia, concretamente, dunhas 6.400 camas dependentes do Servizo Galego de Saúde. O total de camas públicas "instaladas", segundo estes datos, son algo máis de 7.000. A estas poderíanse sumar as ao redor de 2.000 camas existentes nos hospitais privados. En Galicia hai, ademais, 274 camas en unidades de UCI.

A maior parte dos casos de coronavirus rexistrados non presentan síntomas graves e polo tanto se atopan nos seus domicilios en illamento. Estas 1.120 persoas representan o 70% dos total de positivos confirmados en Galicia, unha porcentaxe que apenas variou na última semana.

Por primeira vez Vigo é a área que presenta máis casos de coronavirus, con 396 (eran 312 hai 24 horas)

Por áreas sanitarias, os datos amosan que por primeira vez Vigo é a que presenta máis casos de coronavirus, con 396 (eran 312 hai 24 horas). Mentres, A Coruña ten 389 (eran 359). Unha das áreas que máis incrementou o seu número de casos é a de Santiago, que suma 288 (onte eran 239). Pontevedra ten 202 (eran 179) e Ourense presenta 186 (eran 152). Lugo practicamente non sumou novos casos, sumando agora 99 (eran 97) e Ferrol ten 38, dous máis que onte (cando o número de casos descendera). 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.