O Parlamento reclama por unanimidade que se investigue o asasinato en Filipinas de Diego Bello e se restaure a súa honra

Manifestación na Coruña en demanda dunha investigación sobre asasinato de Diego Bello ©

O 8 de xaneiro do ano 2020 Diego Bello, un mozo coruñés de 32 anos que vivía en Filipinas, onde puxera en marcha unha pensión, un restaurante e unha tenda de roupa, foi asasinado pola Policía Nacional Filipina. As autoridades do país acusábano de ser un dos maiores narcotraficantes da rexión e por ese motivo intentaron detelo diante da súa casa á unha da madrugada, cando volvía de atender os seus negocios. 

Hai máis dun ano o Goberno español solicitou a Filipinas que se investigase o sucedido, pero as autoridades do país seguen negándose a facelo

Segundo a versión policial, axentes de paisano buscaban mercarlle unha pequena cantidade de droga e Diego Bello sacou unha pistola cando se decatou de que eran policías, respondendo estes con disparos que acabaron coa vida do mozo coruñés. Porén, a súa familia sempre puxo en dúbida a veracidade do relato policial e esixiu unha investigación que nunca chegou a producirse, pois ningunha instancia xudicial interveu na operación nin existe ningún expediente administrativo que dea fe do afirmado pola policía. Hai máis dun ano o Goberno español solicitou a Filipinas que se investigase o sucedido, pero as autoridades do país seguen negándose a facelo.

Os pais e tío de Diego Bello seguiron a lectura da declaración institucional desde unha sala do Parlamento, onde mantiveron un encontro co presidente da Cámara e con representantes dos grupos parlamentarios © Parlamento de Galicia

A declaración demanda ao Goberno central que "exerza cantas accións políticas, diplomáticas e xudiciais sexan necesarias para esixir o total esclarecemento dos feitos que rodearon a morte de Diego"

Dende a morte de Diego Bello, a súa familia e amizades veñen mobilizándose para esixir "xustiza" e unha investigación independente sobre os feitos. Xusto antes do inicio da pandemia, unha manifestación reuniu na Coruña a centos de persoas, que tamén se mobilizaron o pasado verán na cidade herculina. A familia reuniuse tamén con representantes das institucións e de forzas políticas e, froito deses encontros, este martes o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha declaración institucional que demanda do Goberno central que "exerza cantas accións políticas, diplomáticas e xudiciais sexan necesarias para esixir o total esclarecemento dos feitos que rodearon a morte de Diego, e a depuración ata as últimas consecuencias de cantas responsabilidades houber e tamén a restauración do dereito á honra de Diego Bello".

Os pais e tío de Diego Bello seguiron a lectura da declaración institucional desde unha sala do Parlamento, onde mantiveron un encontro co presidente da Cámara e con representantes dos grupos parlamentarios

A Comisión de Dereitos Humanos de Filipinas chegou á conclusión de que a morte de Diego a mans da policía foi un "asasinato"

O texto lembra que o único organismo que si levou a cabo un informe sobre a morte de Diego foi a Comisión de Dereitos Humanos de Filipinas, órgano de rango constitucional na República Filipina, que no mes de agosto do pasado ano e logo de viaxar ata o lugar dos feitos e de entrevistar a policías, testemuñas e socios e traballadores de Diego, chegou á conclusión de que a morte de Diego a mans da policía foi un "asasinato" e que a escusa da defensa propia que alega a policía "queda deslexitimada polos resultados das autopsias que se lle practicaron a Diego tanto en Manila como en Madrid, e polas probas gráficas e as afirmacións das testemuñas", destacando tamén que a policía "non foi quen de presentar unha soa proba da relación de Diego co narcotráfico".

A declaración alerta igualmente de que o Goberno filipino leva sendo denunciado tanto pola ONU como pola Unión Europea por levar a cabo máis de 20.000 execucións extraxudiciais nos últimos cinco anos co pretexto da guerra contra as drogas, e que está servindo para "eliminar tanto inimigos políticos como defensores de dereitos humanos en Filipinas".

Concentración na Coruña en demanda dunha investigación sobre a morte de Diego Bello, o pasado verán © Xustiza para Diego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.