Transición Ecolóxica tramita a incorporación de acuíferos baixo terra e lagos ao catálogo de espazos con escasa intervención humana, que ata agora só incluía treitos de ríos, unha vintena en Galicia
Hai uns anos que en España existe un catálogo de reservas hidrolóxicas, espazos inalterados ou con pouca intervención humana protexidos pola súa especial relevancia para o ciclo da auga. Ata agora nel só había treitos de ríos, algo máis de douscentos en todo o Estado, unha vintena deles en Galicia. Pero agora o Ministerio para a Transición Ecolóxica está a tramitar a inclusión por primeira vez de 19 espazos lacustres e 22 acuíferos subterráneos. Entre eles estará o Pedregal de Irimia, en Meira, un dos dous espazos que se disputan ser o nacemento do río Miño.
Segundo o borrador de decreto que ten a exposición pública o ministerio, o obxectivo do catálogo estatal de reservas hidrolóxicas é “preservar sen alteracións aqueles treitos de ríos con escasa ou nula intervención humana”. En Galicia xa había ata agora unha vintena de espazos incluídos, 13 na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa (principalmente no Ulla e os seus afluentes e na Mariña) e os restantes na demarcación do Miño-Sil.
Agora nesa categoría de reservas fluviais vanse incorporar 26 novos espazos, dous deles en Galicia, un de 33 quilómetros de lonxitude no río Xares e outro de 5 quilómetros no río San Xil, os dous no leste da provincia de Ourense. Pero a principal novidade para Galicia será a inclusión do Pedregal de Irimia dentro dos 22 acuíferos subterráneos que por primeira vez se incorporarán ao catálogo en todo o Estado.
A protección abranguerá 140 hectáreas da contorna deste espazo orixinado no período periglarciar, hai entre 20.000 e 10.000 anos aproximadamente
O espazo que se protexerá será non só o pedregal visible senón tamén a súa contorna, un total de 140 hectáreas que xa estaban protexidos por outras figuras como a reserva da biosfera. Segundo a descrición que fai a documentación a exposición pública, “o Pedregal de Irimia é orixinario dunha morena cárstica do período periglaciar (hai entre 20.000 e 10.000 anos aproximadamente), consecuencia da drenaxe dunha fractura en cuarcitas que dan lugar a un chancal encaixado, baixo o que descorren as augas deste manancial”.
A documentación salienta o feito de que se pode escoitar a auga correr baixo o pedregal, cuestión que noutro proxecto paralelo a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil quere poñer en valor coa instalación dun punto de interpretación que permita achegarse mellor ao lugar.
A actualización do catálogo estatal que agora tramita o ministerio tamén incluirá por primeira vez espazos lacustres, un total de 19. Destes non haberá aínda ningún en Galicia, pero si dous nas proximidades, un deles con influencia nas concas hidrográficas galegas. Será o complexo dos lagos da Baña, en León, xunto a Carballeda de Valdeorras, dentro da demarcación Miño-Sil. O outro é o lago de Seabra, en Zamora, na demarcación do Douro.