O persoal sanitario das Urxencias do Hospital Clínico de Santiago seguirá de folga e comezará a décimo terceira semana de paro o vindeiro luns. A protesta continuará, polo menos, ata o martes, data na que a comisión de centro convocou unha votación na que os traballadores se pronunciarán sobre a última proposta da xerencia e logo de que na anterior consulta fose rexeitada con contundencia a anterior.
A folga indefinida convocada pola comisión de centro podería rematar ese martes, pero non a que O'Mega convocou para os médicos. Unha asemblea destes profesionais de adultos do Clínico acordou este pasado xoves manter o paro iniciado o pasado 12 de novembro. "Rexeitamos a proposta da xerencia", asegurou a portavoz do sindicato, Fátima Nercellas.
A comisión de centro convoca a unha votación o martes para decidir se continúa a folga; o persoal médico xa decidiu en asemblea manter a súa propia convocatoria
"A proposta non dá nada para os médicos, agás estabilidade a dous contratos. O mantemento de dez sitios de observación pechados implica que se seguirán acumulando pacientes en corredores, algo que non consentiremos porque nin tan sequera supón o cumprimento da normativa laboral", engade Nercellas.
Os médicos acordaron presentar unha contraoferta á xerencia. O cadro de persoal deste colectivo está formado por 40 profesionais e coa folga reivindicaron 47 para facer as quendas, aínda que con posibilidade de rebaixar o número para chegar a un acordo. Ademais, prevén que se contraten máis traballadores fixos xa que hai oito máis non fixos que o Sergas contrata para cubrir ausencias.
A folga que vai camiño dos tres meses reivindica máis medios, máis persoal e máis espazo para mellorar unha asistencia que, segundo denuncian, está a ser afectada gravemente. O persoal advirte dos continuos “colapsos”, a “saturación” e as longas esperas de ducias de doentes nos corredores, circunstancia que levou a Fiscalía a investigar a morte de dous pacientes a principios deste ano. Tamén a que fosen retiradas pancartas de protesta ou se intensificase o control sobre a gravación dos pacientes e familiares ateigados nos corredores.
Logo das continuas protestas e da presión do persoal, a xerencia da área sanitaria de Santiago foi mellorando paseniñamente a oferta para os traballadores. A última é aceptada por parte de persoal pero non por outra e prevese que o resultado da votación sexa axustado, ao contrario que na última consulta, cando máis do 90% dos participantes rexeitaron a proposta.
A última propón ampliar o número de boxes de 15 a 22 --manténdose abertos de maneira permanente--, once traballadores máis en enfermería e outros once para os auxiliares, ademais dunha contratación dun médico e a estabilización de maneira interina de dous contratos.
A xerencia aclara que en épocas de gran presión asistencial, cando sexa necesaria a apertura da sala de observación, contratarase a persoal necesario para ese labor. Ademais, comprométese a cubrir o 100% das ausencias e a traballar cos profesionais para mellorar a organización e a asistencia sanitaria, deixando aberta a posibilidade de aumentar o persoal.
En canto ao material, a xerencia comprométese a dotar ao servizo de Urxencias de seis monitores, dous respiradores de transporte, un bipap (sistema de ventilación mecánica), cinco carros de enfermaría, tres tensiómetros, así como a substitución de cinco padiolas.