O Sergas amplía xa a reprodución asistida para casos con patoloxías e deixa para 2026 a conxelación de óvulos

O presidente Rueda e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, nunha visita en abril á unidade de reprodución asistida da Coruña CC-BY-SA Xunta de Galicia

Sanidade tamén levanta a prohibición de técnicas de reprodución na sanidade pública a mulleres que xa teñan un fillo

Foi unha das promesas de Alfonso Rueda na campaña para as eleccións galegas do 18 de febreiro e este luns a Xunta púxolle datas. O Sergas irá ampliando progresivamente ao longo dos vindeiros catro anos as súas prestacións sanitarias en materia de reprodución asistida, comezando polos casos con patoloxías e continuando a partir de 2026 pola prometida conxelación de óvulos para calquera muller de entre 30 e 35 anos que queira adiar a súa posible maternidade. Así se contempla no denominado Plan Galego de Reprodución Humana Asistida 2024-28.

Segundo a planificación exposta este luns, tras o Consello da Xunta, polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, os casos que requiran técnicas de reprodución asistida por indicación clínica que ata agora estaban limitados a mulleres de menos de 40 anos verán elevado o limitar aos 41 anos en marzo de 2025, a 42 anos en marzo de 2026, a 43 anos en marzo de 2027, a 44 anos en marzo de 2028 e a 45 anos como límite en decembro de 2028.

O sistema tamén limitaba ata agora técnicas de reprodución asistida a mulleres que non tiveran previamente ningún fillo, pero agora, de xeito "inmediato", segundo o conselleiro, "as persoas que xa tiveran unha fecundación in vitro" e que dispoñan de ovocitos ou gametos poderán acceder a un segundo tratamento "aínda que xa teñan un fillo". E en marzo do próximo ano a posibilidade desas técnicas ampliarase tamén a quen xa tiveran un primeiro fillo de forma natural.

Ademais, ata agora a conservación de ovocitos no Sergas estaba limitada a casos con prescrición médica para pacientes oncolóxicos, pero agora ampliarase tamén a persoas transexuais e con patoloxías non oncolóxicas.

Rueda atendendo este luns ás explicacións do seu conselleiro de Sanidade CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

No que respecta á promesa de conxelación ou preservación de óvulos para casos non patolóxicos de mulleres de entre 30 e 35 anos "que por motivos persoais, sen necesidade de padecer unha patoloxía, decidan pospoñer a súa maternidade", esta comezará a aplicarse "a partir do ecuador do plan" presentado este luns, isto é, a partir de 2026. Segundo o conselleiro, nese ano comezarán a preservarse óvulos de mulleres de 34 e 35 anos, en 2027 ampliarase para as mulleres entre 32 e 34 anos e en 2028 para as de 30 a 32 anos. En todos os casos o límite de conservación serán os 45 anos.

Sanidade estima que a preservación de óvulos por motivos persoais pode ser requirida polo 1% das mulleres entre 30 e 35 anos, unhas 650 ao ano

Sanidade non ten unha previsión clara da demanda que pode ter esta última posibilidade senón só estimacións. Segundo o conselleiro, en Galicia hai 65.000 mulleres entre 30 e 35 anos das que se estima que o 1% poderían estar interesadas na posibilidade que se ofrecerá a partir de 2026, isto é, unhas 650 ao ano.

O conselleiro tamén asegurou que o plan agora presentado para os próximos catro anos, que estará dotado con 7,8 millóns de euros, desenvolverase exclusivamente na sanidade pública, cun incremento do persoal e medios materiais das unidades de reprodución asistida do Sergas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.