O Sergas comunica lixeiros aumentos de casos activos e hospitalizacións con COVID-19 na última xornada

CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Na última xornada comunicáronse 174 novos casos, algo menos que os 206 da xornada anterior que foron a cifra máxima no último mes, pero con 6.200 probas PCR realizadas, algo por baixo das 7.000 dos catro días previos

O Sergas sumou na última xornada outros 174 novos casos de COVID-19 ao global da serie desde o comezo da pandemia, 157 deles confirmados por probas PCR nas últimas 24 horas. A cifra é lixeiramente inferior aos 206 casos sumados na xornada anterior, pero os lixeiros incrementos dos últimos días unidos á fin das altas masivas das persoas afectadas durante o pico da terceira vaga fan que xa se rexistren tres días seguidos de aumentos de casos activos, desde os 2.185 que se comunicaron o xoves ata os 2.305 deste domingo, en todo caso unha décima parte dos preto de 23.000 que chegou a haber a finais de xaneiro, a cifra máis elevada de toda a pandemia.

Os novos casos comunicados na última xornada hay que contextualizalos coas 6.200 probas PCR rexistradas, algo menos que as 7.000 das catro xornadas anteriores. Por outra banda, o Sergas non comunicou ningún novo falecemento, que seguen a ser 2.368 desde o comezo da pandemia, pero o dato pode ser revisado en días posteriores. 

Hai cinco persoas máis hospitalizadas, un total de 172, pero aínda por baixo das 200 das que se baixou hai cinco días

Nos hospitais, a situación tamén é lixeiramente peor que na xornada previa, con dúas persoas máis en UCI (27) e tres máis en hospitalización ordinaria (145), pero en todo caso por baixo das 200 hospitalizacións das que se baixou hai cinco días. As cifras actuais son similares ás de finais do pasado verán.

Pola contra, nas residencias, grazas á vacinación, xa hai dez días, desde o 1 de abril, que non se rexistra ningún caso entre as persoas usuarias.

A cidade de Vigo é xa a de maior incidencia, con 122 casos nos últimos 14 días por 100.000 habitantes, superando á Coruña, que viña sendo desde comezos de febreiro a que tiña peor dato

Por áreas sanitarias, o aumento de casos activos é máis visible nas de Ourense, Pontevedra e Santiago. Por cidades, Ferrol, Lugo e Ourense son as que presentan unha menor incidencia, fronte ás tendencias lixeiramente ascendentes de Pontevedra e Vigo, no caso desta última cunha incidencia a 14 días de 122 casos por 100.000 habitantes, xa maior que a da Coruña, que viña sendo desde comezos de febreiro a cidade con peor dato de Galicia.

A Xunta actualizou este venres as restricións tanto a nivel xeográfico como a respecto do uso da máscara no deporte, no que introduce a excepción para o "deporte individual en espazos ao aire libre" con distancia de seguridade

Canto ás restricións, a Xunta vén de matizar a obriga do uso de máscara no deporte. A norma galega seguirá sendo máis dura que a estatal coa obriga de levar máscara para o deporte na vía pública por onde transite a xente, pero a Xunta introduce a excepción para o "deporte individual en espazos ao aire libre" con distancia de seguridade. [Aquí podes consultar o DOG extraordinario publicado este venres]. Igualmente, este venres a Xunta actualizou o mapa de restricións e incorporou Carballeda de Valdeorras aos concellos no máximo nivel de restricións pola COVID-19 dende as 00:00 do luns, día 12, nivel no que xa estaban O Grove e A Pobra do Caramiñal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.