Os centros de ensino volveron da Semana Santa con menos de 350 casos de COVID pero aumentaron noutros 35 nos últimos días

Aula baleira nun centro escolar de Galicia © Xunta

Só hai catro aulas pechadas en toda Galicia tras a mellor semana de todo o curso nese eido

Os centros de ensino galegos volveron das vacacións de Semana Santa con 349 casos activos de COVID-19, un cento menos que como chegaran dez días antes ao remate do segundo trimestre do curso. Porén, nos últimos días a cifra aumentou lixeiramente noutros 35 casos activos, un 10% máis, ata os 384 que comunicou este sábado a Xunta con datos referentes a este venres. En todo caso, a Xunta non comunica os novos casos que se van rexistrando senón só os que hai activos en cada momento.

Canto ás aulas pechadas, se á Semana Santa se chegara con nove sen actividade, a volta das vacacións produciuse con todas elas funcionando por primeira vez en todo o curso, aínda que ao longo da última semana a cifra foi aumentando ata as catro comunicadas este sábado con datos do venres.

O centro máis afectado é o CPR Plurilingüe Casa de la Virgen de Cangas con sete casos

Canto á situación en cada centro, o máis afectado é o CPR Plurilingüe Casa de la Virgen de Cangas con sete casos, seguido por tres institutos de Vigo, Cambre e O Grove con seis casos cada un. Outros seis centros educativos de toda Galicia rexistran cinco casos activos cada un.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.