O Sergas suma 206 novos casos de COVID-19, a cifra máis alta do último mes

Dispositivo de vacinación masiva na Coruña CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os casos activos volven medrar en todas as áreas agás a de Ferrol mentres a hospitalización mantense estable

Na súa última actualización diaria de positivos por COVID-19 desde o comezo da pandemia a Xunta vén de sumar outros 206 novos casos, 190 deles confirmados por PCR nas últimas 24 horas. A cifra é a máis alta do último mes e, tras varias semanas seguidas de descenso do número de casos activos froito das altas que viñan recibindo as persoas contaxiadas durante a vaga de xaneiro, nos últimos días está volvendo a aumentar a cifra de doentes activos en todas as áreas sanitarias agás a de Ferrol. 

Na última xornada realizáronse 7.000 probas PCR, cifra similar aos tres días anteriores, e comunicouse unha nova morte

Os 206 novos casos comunicados chegan nunha xornada na que a Xunta informa da realización de algo máis de 7.000 novas probas PCR, cifra similar á das anteriores tres xornadas. Na última, ademais, comunícase un novo falecemento, ata un total de 2.368 mortes con COVID-19 desde o comezo da pandemia.

A finais de xaneiro chegou a haber en Galicia preto de 23.000 casos activos de coronavirus, a cifra máis elevada de toda a pandemia, e desde aquela as altas foron reducíndoa ata os 2.185 que o Sergas comunicou hai dous días -a cifra máis baixa da serie histórica rexistrárase a finais do pasado xullo con menos de douscentos casos-. Se este venres os casos activos elevábanse moi lixeiramente, agora xa son un cento máis que hai dous días, aumento que se rexistra en todas as áreas sanitarias durante os últimos días agás a de Ferrol, que segue reducindo a súa cifra ata só 71 casos activos.

Nas cidades a evolución da incidencia a 14 días é dispar, con Vigo, Ourense e Pontevedra en ascenso, Santiago e Lugo estabilizadas e A Coruña e Ferrol aínda en descenso. 

Onde se mantén a estabilidade é nos hospitais, onde na última xornada comunícanse exactamente o mesmo número de persoas ingresadas que na anterior, 167, con só unha lixeira variación dunha persoa menos en coidados intensivos a cambio dunha máis en hospitalización ordinaria. As cifras son as máis baixas desde comezos de setembro. Nas residencias segue sen haber ningún caso entre as persoas usuarias e só dous casos entre o persoal.

Ao tempo, a vacinación segue avanzando e preto do 20% da poboación galega, case medio millón de persoas, xa conta cando menos cunha dose administrada e, delas, 185.000 persoas xa completaron a pauta.

A Xunta actualizou este venres as restricións tanto a nivel xeográfico como a respecto do uso da máscara no deporte, no que introduce a excepción para o "deporte individual en espazos ao aire libre" con distancia de seguridade

Canto ás restricións, a Xunta vén de matizar a obriga do uso de máscara no deporte. A norma galega seguirá sendo máis dura que a estatal coa obriga de levar máscara para o deporte na vía pública por onde transite a xente, pero a Xunta introduce a excepción para o "deporte individual en espazos ao aire libre" con distancia de seguridade. [Aquí podes consultar o DOG extraordinario publicado este venres]. Igualmente, este venres a Xunta actualizou o mapa de restricións e incorporou Carballeda de Valdeorras aos concellos no máximo nivel de restricións pola COVID-19 dende as 00:00 do luns, día 12, nivel no que xa estaban O Grove e A Pobra do Caramiñal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.