O ensino remata o segundo trimestre cos casos de COVID estabilizados en menos de 500 desde hai dúas semanas

Aula baleira e casos de coronavirus no ensino CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Os centros educativos chegaron ás vacacións do Nadal con case o dobre de casos activos que os que hai ás portas da Semana Santa, e agora hai nove aulas pechadas fronte ás 53 de decembro

O impacto da COVID-19 nos centros de ensino segue a replicar o comportamento da pandemia no resto da sociedade. Se a estabilidade é a nota dominante nas dúas últimas semanas no global de Galicia, tamén o é na educación, onde se chega ás vacacións de Semana Santa e con elas ao remate do segundo trimestre do curso escolar con menos de 500 casos activos, case a metade dos que había cando comezaron as vacacións de Nadal, tras as que os positivos se dispararon. En todo caso, a Xunta non comunica os novos casos que se van rexistrando senón só os que hai activos en cada momento.

Segundo as cifras divulgadas pola Xunta este sábado, correspondentes á situación rexistrada este venres, último día lectivo antes da Semana Santa, había 446 casos activos entre alumnado e persoal e un total de só 9 aulas pechadas, fronte ás 53 que había xusto antes do Nadal. Ningún centro educativo está pechado por completo.

O centro máis afectado é o CPR Tirso de Molina de Ferrol, con 21 casos activos e unha aula pechada

Segundo a información facilitada pola Xunta, o centro máis afectado é o CPR Tirso de Molina de Ferrol, con 21 casos activos e unha aula pechada, seguido por dous centros de Arteixo, o IES Manuel Murguía e o CEIP Ponte dos Brozos, con 14 e 12 casos respectivamente. Pola súa banda, a escola infantil Kid's Garden da Coruña ten dúas aulas pechadas por dous positivos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.