A estabilidade mantense no global dos indicadores da COVID un mes despois de comezar a terceira desescalada das restricións

Cribado realizado este venres no aeroporto de Alvedro no que se realizaron 145 probas (o 20% dos pasaxeiros que chegaron) e todas resultaron negativas CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Sergas suma 152 novos casos e un falecemento e continúa reducíndose a ocupación dos hospitais

Hai un mes, o venres 26 de febreiro, Galicia iniciou a terceira desescalada de restricións fronte á COVID-19 cunha media diaria duns 220 novos casos. Durante as dúas semanas seguintes os novos diagnósticos aínda seguiron baixando ata os arredor de 120 novos casos diarios, pero desde aquela e durante a última quincena a estabilidade arredor desa cifra é a nota dominante.

Segundo os datos oficiais divulgados este sábado, na última xornada o Sergas sumou un total de 152 novos casos á serie histórica, dos que 137 foron diagnosticados por PCR nas últimas 24 horas. Unha xornada na que se rexistrou a realización doutras 6.000 probas de se tipo, en liña coas cifras das últimas semanas, nas que a positividade se mantén entre o 2% e o 3%.

Na última xornada o Sergas só notificou un novo falecemento, ata un total de 2.332 desde o comezo da pandemia en Galicia, e considera que seguen activos un total de 2.357 casos, unha décima parte dos máis de 22.000 que chegou a haber a finais de xaneiro.

Hai 204 persoas hospitalizadas, dez menos que un día antes, e 32 delas están en UCI

Canto aos hospitais, seguen a reducirse as cifras de ocupación con dez camas menos que na xornada anterior, ata un total de 204, dos que 32 casos están en UCI (catro casos menos que un día antes) e 172 en hospitalización ordinaria (seis menos).

Nas residencias xa só quedan 13 persoas usuarias e 4 profesionais que o Sergas considera casos positivos. Neses centros as mortes de persoas con COVID desplomáronse tras a vacinación.

A incidencia empeorou nas dúas últimas semanas nas cidades de Vigo e Santiago e mellorou na Coruña

A estabilidade tamén é a nota dominante nas principais cidades, se ben as liñas indicativas da incidencia acumulada nas dúas últimas semanas continúa en lixeiro ascenso en Vigo e Santiago. Se a primeira cidade chegou a ter hai agora dúas semanas unha incidencia de 77 casos por 100.000 habitantes nos anteriores 14 días, a cifra é agora de 100 casos, mentres que no mesmo período Santiago pasou de 38 a 64 casos. Pola contra, neste mesmo tempo A Coruña baixou duns 200 a uns 140 casos.

O 5,2% da poboación de Galicia xa está vacinada e o 10,8% recibiu cando menos unha dose

Canto ao ritmo da vacinación, segundo os datos divulgados na tarde deste venres polo Ministerio de Sanidade, en Galicia 140.000 persoas xa recibiron a pauta completa de doses, arredor do 5,2% da poboación, e o 10,8% da poboación xa ten cando menos unha dose.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.