O TSXG reprocha á Axencia Tributaria que eludise a vontade dun cidadán a que se comunicase con el en galego
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) obriga a Axencia Tributaria (AEAT) a garantir o uso do galego. Un ditame do pasado 4 de abril declarou nulos os actos administrativos efectuados por Facenda en castelán, logo de que un cidadán manifestase querer ser atendido en lingua galega, ordenando retrotraer as actuacións á vulneración do seu dereito á escolla lingüística.
O afectado, Xurxo Martínez González, director do Servizo de Normalización Lingüística de Redondela, foi acompañado en todo o proceso xudicial polos servizos xurídicos da Mesa pola Normalización Lingüística, que celebra unha "histórica" sentenza. Nela, lembran, a Xustiza reprecha á AEAT por eludir a vontade inequívoca do administrado a que se comunicasen con el na lingua galega e por "baleirar, así, de contido o dereito á escolla lingüística que asiste a cidadanía galega".
O alto tribunal tivo en conta a dilixencia despregada polo administrado a requirirlle á AEAT que lle notificase en galego e ordena a suspensión dos prazos das comunicacións efectuadas en lingua diferente á escollida mentres o ente tributario non cumpra a súa obriga de llas notificar en lingua galega.
A avogada da Mesa, Elsa Quintas, lembra que a Axencia Tributaria "ignorara en cada un dos procedementos incoados de oficio as reiteradas solicitudes do cidadán de que lle notificasen en galego as comunicacións" e considera un verdadeiro éxito "que o TSXG non convalide o pretexto do ente tributario de que se trata de procedementos desconectados entre si". O Superior establece, expresamente, na sentenza que “a Administración non pode ampararse nunha división do procedemento para impedir a eficacia do dereito exercitado polo obrigado tributario”.
O tribunal ordenou a suspensión dos prazos das comunicacións en lingua diferente á escollida mentres o ente tributario non cumpra a obriga de facelo en galego
O TSXG responsabiliza, así, a administración tributaria por non artellar un mecanismo de coordinación dos diferentes órganos que garanta o dereito á escolla lingüística do cidadán, sen necesidade de ter que reiteralo en cada procedemento. Quintas destaca, tamén, que os servizos xurídicos da Mesa puxeron especial empeño ao requirir do tribunal que o procedemento xudicial se seguise en galego, conseguindo que o TSXG se pronunciase tamén nesta lingua, "contribuíndo e avanzando na normalización lingüística da administración de xustiza".
Xurxo Martínez, pola súa banda, cualificou a sentenza de “verdadeiro triunfo para o idioma galego" e asegura que "os dereitos (incluso dentro do actual marco) deben ser exercidos até as últimas consecuencias". "Gañando espazos legais e exercendo dereitos podemos consolidar un status de normalidade para o noso idioma”, di.