Abertos ao Galego é o proxecto d'A Mesa pola Normalización Lingüística para potenciar o uso do idioma no eido empresarial con iniciativas como o seu xa tradicional catálogo de Nadal con propostas de produtos e servizos para agasallar. Do seo desta iniciativa vén de nacer unha nova campaña destinada a animar as persoas propietarias de establecementos comerciais a utilizaren a lingua propia de Galicia con normalidade nos seus negocios e, ao tempo, a facilitar ao público a localizar as empresas que o fan.
Os máis de 600 comercios que xa están integrados en Abertos ao Galego recibirán neste 2020 un distintivo coa lenda Aquí usamos o galego. Ao tempo, A Mesa distribuirá por cidades e vilas o material informativo da campaña, no que destacan os "cinco motivos para usar o galego" no comercio:
- "Impulsa a galeguización do ámbito socioeconómico
- Cara á clientela, diferencia ás entidades: ofrece un servizo en galego acorde ás necesidades das persoas consumidoras que o solicitan.
- Identifica as entidades en galego
- Diferénciase da competencia e xera cota de mercado
- Comprométese co galego: incide na cohesión interna e na motivación, axudando a obter éxito empresarial"
"O empresariado que utiliza o galego dá mostras de compromiso co país e coas persoas consumidoras"
"O empresariado que utiliza o galego dá mostras de compromiso co país e coas persoas consumidoras sen ningún apoio institucional e cunha Xunta que se abstén de cumprir as súas obrigas", que inclúen "facilitar o seu uso ao empresariado", considera o presidente d'A Mesa, Marcos Maceira. Por este motivo, detalla Celia Armas, directora do proxecto Abertos ao Galego, ademais de animar ao uso do galego, a propia campaña achega ás empresas ata "18 pautas para facelo con éxito".
A aplicación móbil permite localizar os máis de 600 negocios que xa se adheriron á iniciativa
"Como persoas consumidoras temos a responsabilidade de apoiar a quen si cumpre coa lingua", coida Armas. Esa, agrega, é a vontade coa que naceu hai xa máis dun ano a aplicación móbil de Abertos ao Galego para Android e iOS. Con ela, explican, é posible "localizar as empresas que utilizan o galego por sectores e valorar o uso da lingua para que as persoas responsables poidan introducir melloras". Trátase, resumen, de "facilitar e priorizar a utilización destes establecementos.
Esta nova campaña chega no ano en que conclúe o Plan de Dinamización da Lingua Galega no Tecido Económico, impulsado dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que para A Mesa "morreu o mesmo día en que se anunciou". Incide, ao tempo, na liña de iniciativas doutros colectivos e tamén institucións públicas, caso dos premios Manuel Beiras que promove o Concello de Santiago ou do portal Galegoempresas, impulsado polo consistorio compostelán en colaboración cos concellos de Ames e Teo.