No ano 2000 o Concello de Santiago decidiu, por primeira vez, distinguir as boas prácticas para espallar o uso do galego no eido empresarial. Para facelo creou un certame anual de premios e deulles o nome "dun histórico comerciante compostelán" que ademais foi "destacado loitador da nosa cultura e da nosa lingua". Nacían así os premios Manuel Beiras.
Strelia Electrotecnia, NUMAX e Cantigas e Agarimos foron distinguidas na vixésima edición dos premios cos que o Concello de Santiago e a Cámara de Comercio compostelá recoñecen o uso do galego na empresa
Vinte anos despois, os galardóns están consolidados na capital galega e, como apuntaba Noa Díaz, edil compostelá de Políticas Lingüísticas, antes de dar a coñecer as entidades gañadoras neste 2019, xa pasaron polas mans de gobernos de todas as cores. "Os diferentes gobernos do Concello" e da Cámara de Comercio "contribuíron" a espallar uns premios que sinalan as empresas que empregan o galego como "exemplo para as demais".
Neste 2019 o primeiro dos premios Manuel Beiras, que distingue o uso continuado do galego no ámbito económico e comercial, foi parar a Strelia Electrotecnia. O xurado concedeullo por "empregar o galego nun sector empresarial innovador e dinámico, o da electrónica de comunicacións e industrial" e facelo contribuíndo a levar o idioma propio de Galicia a ámbitos como as ciencias da terra, o control industrial ou a eficiencia enerxética.
"Tendo en conta que gran parte da súa clientela se sitúa fóra das nosas fronteiras, a súa escolla lingüística demostra que o galego serve para comunicarse, mais tamén para transmitir valores como o da calidade, compromiso, seriedade e respecto pola diversidade natural e cultural", agrega sobre Strelia Electrotecnia a acta do xurado. Segundo subliña Xavier Freire, vogal da Cámara de Comercio, as deliberacións foron, nesta ocasión, especialmente intensas.
O premio Nova Incorporación levouno a cooperativa NUMAX, responsable dende a primavera de 2015 dunha sala de cinema e unha libraría no centro de Santiago, mais tamén dun laboratorio audiovisual de acreditado prestixio e mais dunha distribuidora cinematográfica que nos últimos tempos estivo por tras de éxitos como O que arde. O premio Manuel Beiras foille concedido por "incorporar a lingua a un proxecto empresarial que tiña tanto de arriscado como de atractivo e innovador", un "espazo de encontro social e cultural" no que "o galego comparte protagonismo coas historias que alí suceden", destacan.
"É importante premiar estas empresas con recoñementos públicos, mais tamén co noso apoio como clientela"
A vixésima edición dos premios Manuel Beiras, entregados o pasado luns nun acto institucional no teatro Principal de Compostela, incluíu tamén unha distinción especial para a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos. Durante 98 anos de historia, destacou o xurado, "diferentes xeracións" de veciñanza da cidade "tiveron a oportunidade de se formaren no coñecemento do folclore galego" sempre dende o "respecto polo galego" que, ademais, "traspasou as paredes das aulas" foi "reflectido noutros ámbitos sociais".
A xuízo de Noa Díaz, alén da "data redonda" dos primeiros vinte anos, os premios Manuel Beiras seguen a ser símbolo de que é "importante premiar estas empresas con recoñementos públicos, mais tamén co noso apoio como clientela". "Temos na nosa man que o galego medre e fai falla que o faga para garantirlle un futuro vizoso", conclúe.