A 18ª edición dos premios Manuel Beiras recoñeceron desta volta o uso do galego na innovación no audiovisual, no lecer infantil e no dereito. Os galardóns cos que o Concello de Santiago e a Cámara de Comercio compostelá premian o emprego habitual da lingua propia no ámbito empresarial e comercial foron para Illa Bufarda, Brazolinda e o Colexio de Avogados da cidade.
Os premios Manuel Beiras recoñeceron este ano a Illa Bufarda, Brazolinda e o Colexio de Avogados de Santiago
Illa Bufarda é unha produtora especializada en videocreación, fotografía, animación e deseño gráfico que se atopa por tras de numerosos traballos creativos nos últimos anos, entre os que destacan montaxes como o documental Fíos Fóra. Adriana Villanueva e Sabela Iglesias son as dúas profesionais que están á fronte dun proxecto que recibiu con "alegría e emoción" un recoñecemento que consideran "importante".
"É importante que se visualice como normalidade nunha empresa que se poida empregar a lingua propia, naturalizando ese feito e recoñecéndoo", conta a Praza.gal Sabela Iglesias, que lembra, tal e como destacou no acto de entrega do galardón, que "sería estupendo que nun futuro non houbese que premiar nin recoñecer isto". "Pero tal e como está a situación sociolingüística no país, é normal que se faga", explica.
Na Illa Bufarda, a cuestión idiomática "nunca foi algo a debater": "Deuse por feito"
Segundo explica Iglesias, a cuestión idiomática "non foi algo a falar ou debater" á hora de poñer a andar Illa Bufarda. "Deuse por feito, por sentado; as dúas somos galegofalantes e non tería sentido que o proxecto non fose tamén así", explica quen engade que, ao traballaren coa comunicación audiovisual, "ter que contar cousas noutra lingua" teríalles feito perder "autenticidade, recursos e riqueza expresiva". Respecto dos tópicos e lugares comúns que advirten da desvantaxe competitiva que pode ter o uso do galego, Sabela é clara: "Nunca notamos dificultades".
Sabela Iglesias e Adriana Villanueva, as profesionais responsables de Illa Bufarda
"Comprobamos que a idea de que no sector audiovisual o galego pode resultar limitante non é certa; temos traballado fóra de Galicia coa nosa mesma filosofía de traballo lingüística e non só non foi un límite, senón unha maneira de definirnos", conta quen o emprego da lingua propia é tamén unha forma de "sentar as bases" do que son. "Haberá clientes aos que lles guste máis ou non, pero como calquera outra cuestión empresarial", rematan desde Illa Bufarda, que recoñecen que, ademais, o audiovisual "visibiliza, difunde e normaliza" o idioma.
Tamén o uso no ámbito da avogacía. O Colexio de Avogados de Santiago foi galardoado cunha distinción especial polo seu uso habitual e normal do galego, destacándose o feito que desde 2004 conte cun servizo de asesoramento lingüístico que facilita que os procedementos xudiciais poidan realizarse en galego, "un labor que ten especial transcendencia pola súa visibilidade social e empresarial".
Francisco Rabuñal, decano do Colexio de Avogados, asegura recibir "con grande ilusión" un recoñecemento que os "honra" e anima a "continuar na senda que desde hai anos impulsa o fomento do idioma galego". O punto de inflexión chegou en 2003, coa xunta xurdida das eleccións celebradas naquel ano. "Tomouse a decisión de que, institucionalmente, a lingua de uso habitual na entidade fose o galego e que no noso idioma se realizasen todas as comunicacións cos asociados", destaca. "Non foi só unha decisión tomada sen problema ningún senón que foi recibida con ilusión por todos os colexiados", engade.
A decisión de usar o galego institucionalmente no Colexio de Avogados "tomouse sen problema ningún e con ilusión"
Con todo, Rabuñal considera que aínda queda "moito por facer" no ámbito da xustiza. "Na comunicación entre os letrados, o nivel de uso do galego é moi bo, pero é nos xulgados onde é aínda escaso", engade quen lembra que a inmensa maioría de comunicacións escritas "providencias, autos, sentenzas..." son en castelán.
Tamén queda moito por facer no sector do ocio, nomeadamente no dos máis pequenos. A empresa Brazolinda foi premiada co Manuel Beiras no eido das novas incorporacións ao uso do galego. A firma deseña, produce e comercializa xogos e xoguetes artesanais e a súa impulsora subliñou na entrega dos galardóns que traballa en galego porque é unha "honra", pero tamén para rebelarse fronte a quen, noutrora, lle dixeron que o idioma propio de Galicia era "demasiado doméstico para ter futuro" .
Produto de Brazolinda, empresa que produce e comercializa xogos e xoguetes artesanais
Os seus produtos, aclarou o xurado, permiten realizar actividades "enriquecedoras" na "aprendizaxe de actitudes, dinámicas e habilidades". "Nos xogos de Brazolinda -subliñan- non só se mima a parte educativa de cada xogo" ou "o divertimento e a estética", senón que "o idioma ocupa tamén un lugar principal".
"Brazolinda é un proxecto que nace en galego e que se move en galego"
En conversa con Praza.gal, Irimia Fernández, responsable de Brazolinda, destaca que uso do galego "dábase por feito". "É un proxecto que nace en galego e que se move en galego", di quen asegura que premios como o Manuel Beiras son tamén de moita "axuda" para "difundir" iniciativas como a súa. "Hai moit xente que demanda produtos como os nosos, pero ao ser empresas pequenas cústanos máis darnos a coñecer, non só no ámbito dos xogos, senón tamén noutros como os da artesanía, por exemplo", explica.
"Non tivemos trabas de ningún tipo, nin co público nin coas administracións; nunca nos rexeitaron pola lingua"
Ademais, di Fernández, o uso do galego "non supuxo problema ningún nunca". "Non tivemos trabas de ningún tipo, nin co público nin coas administracións; nunca nos rexeitaron pola lingua", engade quen destaca que venden produtos "en Madrid ou Arxentinta". "Enténdeno e, senón, preguntan, non hai problemas, máis ben todo o contrario porque a lingua propia é un valor máis, un engadido aos produtos feitos a mans, inventados aquí e en galego", conclúe.