“Ollo nace para dar valor ao fotoxornalismo e documentar temas que non se tratan da maneira axeitada"

Fotografía tirada por Brais Lorenzo nunha residencia de maiores durante a pandemia de COVID © Ollo / Brais Lorenzo

O obxectivo de Ollo é "xerar reflexión na poboación ante as diversas problemáticas sociais e mediambientais ás que se enfronta a actual sociedade"

Vén de nacer Ollo, un colectivo fotográfico integrado por algúns e algunhas destacadas fotoxornalistas galegas, ademais de persoas vencelladas aos documentalismo gráfico e videográfico e á xestión cultural que bota a andar co obxectivo de crear e divulgar "historias relevantes para a sociedade a través da linguaxe da imaxe e da narrativa audiovisual". Preséntase coa publicación na revista 5W do proxecto Lumes, un traballo fotográfico que agrupa máis de quince anos de imaxes e experiencias arredor da problemática dos incendios en Galicia

O obxectivo de Ollo é "xerar reflexión na poboación ante as diversas problemáticas sociais e mediambientais ás que se enfronta a actual sociedade", destacan os seus responsables, entres os que atopamos a fotoxornalistas como Vanessa Casteleiro, Óscar Corral, Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Óscar Pinal, Adra Pallón e Paula Quiroga, Sara García e Daniel Lázare no apartado de xestión cultural e Sabela Eiriz colabora nas tarefas de edición e curadoría. 

Imaxe incluída na fotorreportaxe de Vanessa Casteleiro © Ollo / Vanessa Casteleiro

Entre as súas integrantes hai destacadas fotoxornalistas galegas, ademais de persoas vencelladas aos documentalismo gráfico e videográfico e á xestión cultural

Vanessa Casteleiro, en conversa con Praza.gal, explica que “Ollo nace para darlle valor ao traballo do documentalismo gráfico e do fotoxornalismo e, sobre todo, para documentar e cubrir temas que cremos que non están suficientemente tratados na actualidade ou que non se tratan da maneira axeitada" e engade que "hai moitas formas de contar as cousas e nós queremos facer unha, que documente a realidade do noso territorio e tamén doutros países”. 

A fotoxornalista fai unha reivindicación sobre "o poder enorme" que as imaxes teñen "para contar unha realidade", aínda que haxa temas nas que deben ser acompañadas de palabras para explicar a complexidade dun asunto.

Preséntase coa publicación na revista 5W do proxecto Lumes, un traballo fotográfico que agrupa máis de quince anos de imaxes e experiencias arredor da problemática dos incendios en Galicia

O nacemento deste colectivo parte tamén dunha denuncia á desatención que na actualidade sofre o fotoxornalismo e especialmente os seus e as súas traballadoras, que moitas veces non reciben o crédito (e o pagamento) merecido polas súas imaxes. "Non sé dá ao fotoxornalismo ou ao fotodocumentalismo o valor que ten, e tampouco se lles dá o valor que merecen ás e aos profesionais que levan a cabo este traballo", critica Casteleiro.

"Non sé dá ao fotoxornalismo o valor que ten, e tampouco se lles dá o valor que merecen ás e aos profesionais que levan a cabo este traballo"

Hai dous anos, no marco da pandemia de coronavirus, varios dos profesionais que hoxe poñen en marcha Ollo lanzaron a iniciativa Imaxe Covid, definida como "a ollada de 6 fotoxornalistas galegos na pandemia da Covid-19". Nese momento Óscar Corral salientaba a importancia crecente dos reporteiros gráficos "nun mundo dominado polas fake news" e engadía que na pandemia demostrárase "que é imprescindible que haxa profesionais que estean nas rúas".

O colectivo presentarase publicamente nas vindeiras semanas e tamén dará a coñecer novas iniciativas nas que está a traballar

Ollo apóiase na creación de proxectos culturais, na oferta formativa e no desenvolvemento de proxectos editoriais e comerciais. O primeiro deles é a colaboración con 5W, sobre a que Casteleiro comenta que "estamos moi ilusionados, porque 5W é unha publicación á que lle temos moito respecto e moito aprecio, ten un valor incalculable para nós". O colectivo presentarase publicamente nas vindeiras semanas e tamén dará a coñecer novas iniciativas nas que está a traballar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.