Os calendarios de pedra dos presos republicanos do campo de concentración do Mosteiro de Oia

Os calendarios, para medir o paso do tempo, son unha das inscricións recorrentes nas paredes do antigo cárcere © Mosteiro de Oia

Chegou a haber ao redor de 5.000 presos republicanos, amoreados nun espazo para 250. Moitos morreron alí

O Mosteiro de Oia funcionou entre 1937 e 1939 como un campo de concentración franquista, un dos 11 que funcionaron en toda Galicia. Chegou a haber ao redor de 5.000 presos republicanos, amoreados nun espazo para 250. Moitos morreron alí. Pouco despois o edificio do século XII (que fora declarado Monumento Nacional en 1931) ficou abandonado, ata que hai uns anos comezou a súa rehabilitación para transformalo nun hotel de catro estrelas e centro de talasoterapia.

Un dos obxectivos do proceso de reforma era restaurar as moitas inscricións que os presos realizaron nas súas paredes, un labor que foi coordinado tecnicamente por Celia Casás e no que se investiron ao redor de 300.000 euros. Este sábado presentouse publicamente o resultado, coa inauguración da exposición "Os presos do Mosteiro. Memorias da Guerra Civil Española", concibida "como unha homenaxe á memoria" dos 5.000 homes encarcerados no lugar. As 1.400 horas de traballo de restauración permitiron recuperar as mensaxes e debuxos realizado polos reclusos, graffitis que o actual propietario do mosteiro atopou "nun estado de total abandono" á súa chegada.

Nas paredes do mosteiro deixaron multitude de inscricións, entre as que destacan sobre todo os calendarios, imprescindibles para medir o paso do tempo

Entre 1937 e 1939 pasaron por Oia milleiros de presos, principalmente asturianos, cántabros e vascos nos primeiros anos, e cataláns, valencianos e mallorquinos nos meses finais da guerra. Nas paredes do mosteiro deixaron multitude de inscricións, entre as que destacan sobre todo os calendarios, imprescindibles para medir o paso do tempo. As salas reconvertidas en celas estaban repletas de almanaques onde ían tachando os días que restaban cara á súa posible liberdade.  

Hai tamén un gran número de debuxos de todo tipo. Moitos eran referidas á comida e alimentos, en referencia á fame que pasaban, pero tamén se atoparon debuxos de vaqueiros e indios, mulleres ou paisaxes, entre outras temáticas. Hai tamén debuxos relacionados con escenas bélicas, como avións. E, igualmente, un gran número de palabras, comezando polos seus nomes ou datos persoais, pode que buscando non ser esquecidos ou de que quedara constancia de que foran recluídos nese lugar. 

Imaxe aérea do Mosteiro de Oia CC-BY-SA Anuska

O momento máis emocionante da inauguración correu da man de Joan Salvador, o derradeiro dos presos republicanos que foron recluídos no Mosteiro que aínda está vivo

Na inauguración da mostra, que se poderá visitar ata o 15 de decembro, interviron Xoán Martínez, director xeral de Residencial Mosteiro de Oia, a restauradora Celia Casás, ademais da propia alcaldesa de Oia, Cristina Correa, que agradeceu o traballo realizado "para poñer en valor todo o patrimonio deste Concello" e para recuperar "a memoria histórica de Oia". Porén, sen dúbida o momento máis emocionante da inauguración correu da man do catalán Joan Salvador, o derradeiro dos presos republicanos que foron recluídos no Mosteiro que aínda está vivo.

Joan Salvador, de 98 anos de idade, interveu a través dun vídeo no que explicou que dende hai case 50 anos visitou con regularidade o Mosteiro no que estivo preso. Un "exercicio de memoria" no que se fixo acompañar dos seus familiares: "unhas veces cos meus sobriños, outras cos meus curmáns porque quero que todos coñezan a historia", dixo. Esta vez non puido estar en persoa no Mosteiro, por mor dun problema de saúde de última hora, o que o obrigou a gravar o vídeo.

Intervención en vídeo de Joan Salvador, derradeiro supervivente dos presos do mosteiro © Mosteiro de Oia

"Centramos todas as nosas enerxías en conseguir preservar para as xeracións futuras todos os vestixios de arte que fan que a identidade dun pobo non se perda", dixo Celia Casás

No acto, Celia Casás destacou a dificultade do traballo realizado "tanto polo tipo de material, como pola técnica e o soporte empregados". "Centramos todas as nosas enerxías en conseguir preservar para as xeracións futuras todos os vestixios de arte que fan que a identidade dun pobo non se perda, como neste caso", dixo. “É normal que os textos, os debuxos e as marcas que atopamos nos fagan reflexionar e mesmo entristecer porque non deixan de ser testemuñas dun momento traumático na vida de seres humanos, pero que con máis forza debemos conservar como un símbolo do que non se debe repetir nunca”, concluíu.

"O traballo 'Memorias Vivas' reflicte o papel da xente humilde, que non foi allea ao que estaba a pasar e que apoiou aos presos", dixo Xoán Martínez

Pola súa banda, Xoán Martínez explicou que "en 2005, ao pouco tempo de adquirir o mosteiro, realizamos un forte investimento nas cubertas para protexer uns escritos que quedaran á intemperie polo estado de ruína da construción". Porén, engadiu, "o máis gratificante proxecto realizado nese momento foi a recollida de testemuños orais de veciños e veciñas de Oia que viviron ese período", indicou, en referencia á iniciativa 'Memorias Vivas'. "O traballo 'Memorias Vivas' reflicte o papel da xente humilde, que non foi allea ao que estaba a pasar e que apoiou aos presos. Non por cuestións políticas senón simplemente porque era unha cuestión de humanidade, arriscando moito e compartindo o pouco que tiñan. Eles reivindican con forza o mellor das persoas, o mellor dun pobo", sinalou Martínez.

Vista xeral da exposición © Mosteiro de Oia

"Os nosos Guernicas"

“Os grafitos dos muros do Mosteiro de Oia son os nosos ‘Guernicas’, mensaxes directas e claras dos que estiveron alí nesa época terrible”

Hai uns meses presentouse o libro 'Con otra mirada. El horror de la Guerra Civil Española en el Monasterio de Oia. 1936-1939',  editado polo Concello de Oia e coordinado por Fernando Javier Costas Goberna, e no que participaron Lucía Álvarez Caeiro e Lorena González Vicente. A obra recolle entrevistas con algúns dos prisioneiros e os seus descendentes, ademais de veciños e veciñas da zona, que en moitos casos axudaban aos presos, tan esfameados que devoraban as algas deitadas na praia.

A obra recolle as durísimas condicións que tiñan que soportar os prisioneiros, que chegaron a suicidarse nalgúns casos ou a morrer por distintas enfermidades. E fai fincapé, igualmente, no valor dos graffitis  cos que encheron as paredes do cárcere. “Os grafitos dos muros do Mosteiro de Oia son os nosos ‘Guernicas’, mensaxes directas e claras dos que estiveron alí nesa época terrible”, conclúen os autores do libro, que engaden que “os que sufriron prisión e morreron no campo de concentración de Santa María de Oia entre 1937 e 1939 non merecen que os esquezamos, por eles e por nós mesmos”.

Vista xeral do Mosteiro de Oia CC-BY-SA HombreDHojalata

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.