Os casos confirmados de coronavirus en Galicia superan os 2.700 pero modéranse os aumentos de falecementos e ingresos en UCI

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Nas últimas 24 horas foron dadas de alta 28 persoas, un 41% máis, ata sumar 95, mentres que faleceron 6, o que eleva a cifra de mortes a 50

Os casos de coronavirus confirmados en Galicia suman xa este sábado 2.772, dos que 2.627 seguen activos, cun aumento do 18,8% no último día, cifra similar ás da última semana, pero cun incremento lixeiramente inferior das mortes, un 13% ao sumar outras seis no último día ata ata un total de 50, e dos ingresos en UCI, un 12%, ata un total de 110 casos. Tanto o aumento de mortes como o de ingresos en coidados intensivos están por baixo das porcentaxes que se viñan rexistrando nos últimos días. 

Xa se fixeron 12.885 probas, dúas mil máis que un día antes

Os datos feitos públicos este sábado polo Sergas cumprindo cos prazos establecidos no protocolo a nivel estatal para realizar os balances diarios da enfermidade indican que os casos positivos da Covid-19 detectados en Galicia son 2.772 tras realizar un total de 12.885 probas, dúas mil máis que un día antes. Deses positivos acumulados ata agora, 95 xa foron dados de alta, un 41% máis que os 67 do día anterior, mentres que 50 faleceron, seis nas últimas 24 horas, un 13% máis que o venres. A porcentaxe de aumento de mortes é a máis baixa dos tres últimos días, nos que se viña superando o 20% de incremento.

Canto a lugar de tratamento dos enfermos, 110 persoas están en UCI, 652 hospitalizadas e 1.865 nos seus domicilios. Os 12 casos máis ingresados en coidados intensivos nas últimas horas supoñen un aumento do 12% que é o incremento máis baixo nesa categoría dos últimos dez días. 

Este martes a Consellería de Sanidade estimou que precisará ata 4.000 camas hospitalarias para atender casos de coronavirus. Os datos máis recentes do catálogo hospitalario do Ministerio de Sanidade especifican que a sanidade pública dispón en Galicia dunhas 6.400 camas dependentes do Servizo Galego de Saúde e doutras dúas mil en centros privados. En Galicia hai, ademais, 274 camas en unidades de UCI.

Vigo volve adiantar á Coruña en número de casos

Por áreas sanitarias, Vigo volveu superar este sábado á Coruña en número de casos confirmados, con 633 fronte a 597. Por detrás, percíbense aumentos significativos a respecto de días anteriores nas áreas de Ourense -que pasou de 302 a 371 casos no último día- e Lugo -que aumentou de 140 a 219 no mesmo período-.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.