Os destinos da Panificadora de Vigo

A Panificadora de Vigo, nunha imaxe incluída na documentación da modificación do PXOM © Concello de Vigo

Hemeroteca

Desde que pechou a gran fábrica de pan, fariñas e pensos de Vigo, en 1980, a Panificadora foi testemuña de intentos de demolición, incendios, okupacións e ciclicamente distintas maquetas e proxectos planean o seu destino.

Nos últimos días asistimos ao enésimo anuncio: a xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo deu a súa aprobación provisional da modificación puntual do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (Pepri) do Casco Vello para avanzar no novo proxecto da Panificadora. "Quero expresar a miña satisfacción, vai converterse nunha zona de equipamento sociocultural e dotacional, un novo espazo público con arborado que conectará coa Praza do Rei", sinalou o rexedor ante os medios de comunicación o xoves, 21 de marzo.

A tramitación continuará agora co envío da documentación a administración autonómica -a Patrimonio- para que se pronuncie sobre este cambio no planeamento. "Xa non hai marcha atrás, unha vez aprobada envíase á Xunta e no prazo de dous meses está obrigada a dicir que si e a partir de aí, pleno municipal, expropiación e obra", engadiu Abel Caballero.

Aínda que, efectivamente, se están a mover os papeis, a realidade é que a día de hoxe non existe unha medición precisa técnica do seu interior, non figura no catálogo de patrimonio da Xunta, nin foi protagonista de labor de conservación ningún nestes máis de trinta anos que leva pechada.

A Panificadora non se pode agochar, ten máis de 7.000 metros cadrados de superficie e dez enormes silos que a cidadanía está afeita a ver, no centro de Vigo entre o monte do Castro e o edificio do Concello. Leva na cidade case cen anos (desde 1924) e contribuíu na primeira metade do século a algo tan importante como o abastecemento da poboación.

Nos anos 20 eran frecuentes os anuncios na prensa para promocionar os produtos da compañía Viguesa de Panificación. Publicación en El Pueblo Gallego, 1925 CC-BY-SA El Pueblo Gallego

“Ter a Panificadora en Vigo foi fundamental para a cidadanía, para ter pan hixiénico, moderno e barato. De feito hai un convenio entre a Compañía viguesa de Panificación e o Concello de Vigo do ano 22 ou 23 onde se di que ten que vender o pan barato. Ademais, despois, na posguerra, foi intervida polo Estado, e ter a Panificadora permitiu que non se pasase tanta fame. Deu de comer literalmente á xente”, explica Uxío Reinoso, arqueólogo industrial e coordinador do proxecto vigoindustrial.com .“Era o graneiro da cidade. Cando se inaugurou era a máis potente de España, foi un elemento que nos situaba como unha gran cidade, moderna. Ademais ten o valor cultural e urbanístico de que está no centro na cidade. Ten que ser a peza desde onde Vigo recupere o seu patrimonio industrial”, defende Reinoso.

"A Panificadora ten que ser a peza desde onde Vigo recupere o seu patrimonio industrial”, defende Uxío Reinoso.

A veciñanza de certa idade lembra perfectamente a fábrica funcionando, a praza dos silos, os pasadizos, unha rúa cuberta ou o inconfundible recendo do pan no forno. O fundador, Antonio Valcarce, foi tamén o dono da Compañía de Tranvías e do Banco de Vigo. A Panificadora atesoura unha morea de aspectos que a fan parte da esencia da cidade, da súa historia.

 

Primeira frota de camionetas para o reparto do pan. Anos 30. © Arquivo Pacheco

Pero que se fai cunha mole de formigón no centro da cidade se xa non dá beneficios por actividade industrial? Iso foi o que se debeu preguntar Manuel Soto, alcalde de Vigo nos anos 80, tras o peche da fábrica, e a resposta foi a máis obvia: vivendas. En 1988 Soto asina un convenio cos propietarios e a Panificadora convértese nunha Unidade de Actuación Urbanística e permite 20.000 metros de nova edificabilidade. Afortunadamente este primeiro destino da Panificadora nunca se materializou e en 1991 intégrase no PERI do Casco Vello, aínda que segue a ser reurbanizable. Desde entón distintos alcaldes firman e anulan convenios e a sombra da demolición continúa sobre parte da construción. 

Os distintos alcaldes firman e anulan convenios e a sombra da demolición continúa sobre a construción ata 2011

En 2006 un incendio destrúe oficinas, sala de xuntas e arquivo e xorden entón, nos anos seguintes, campañas cidadás para evitar a derruba. En 2009 Caballero presenta o Plan Moneo, que interviría en toda a área e só conservaría os silos da Panificadora. Segundo lembra Uxío Reinoso, foi nos meses previos á campaña electoral de 2011 cando o actual alcalde promete rehabilitar a Panificadora como centro cultural. Comézase a falar entón de conservación integral e de expropiacións. Nesta época a Panificadora enxerga un destino feliz, que suporía albergar a Biblioteca do Estado.

Detalle do interior da Panifcadora nunha foto de 2012. CC-BY Uxío Reinoso

Non foi ata 2016 cando o Concello lanza o concurso de ideas para o ámbito da Panificadora, onde se inclúe xa a participación do Consorcio da Zona Franca de Vigo. Nas súas bases, o concurso recolle literalmente que “o Concello de Vigo precisa desde hai anos unha gran dotación pública para satisfacer as necesidades culturais e sociais da cidadanía viguesa; un espazo no que situar un gran contedor, como a Biblioteca Pública do Estado na cidade. O contorno da Panificadora considérase un espazo idóneo para a súa implementación, tanto polo seu vínculo co pasado industrial das cidades como pola centralidade urbana do ámbito. 

Por outra banda, e toda vez que a colaboración entre o Concello de Vigo e a Zona Franca resulta fundamental para a execución do proxectado, é preciso que a proposta permita obter espazos nos que localizar usos de co-working, oficinas, Centro de Innovación Gastronómica, centros tecnolóxicos, espazos de emprendemento e creatividade, así como actividades que poidan resultar tractoras da economía de Vigo e que proporcionen utilidade e dinamismo ao dito contorno. E para unha adecuada complementariedade dos usos previstos, a ordenación promoverá a obtención de espazos libres públicos, ao tempo que permitirá compatibilizar os usos maioritarios coas actividades comerciais e terciarias necesarias para lles dar cobertura ás necesidades da cidadanía. O deseño dos espazos deberá garantir, en definitiva, a rendibilidade social do proxecto a a súa sustentabilidade...”

Baixo estes ambiciosos requisitos  resultou gañador o proxecto dos arquitectos Jorge Salgado e Celso López, en marzo de 2017.

E chegamos á actualidade con algo máis de esperanza pero sen certezas porque a día de hoxe o que de verdade existe é un proxecto cheo de boas intencións pero sen orzamento, prazos nin misión definida. É máis, a Biblioteca do Estado xa ten outra localización prevista -os terreos onde se ía facer inicialmente a Cidade da Xustiza, na rúa Lalín-, motivo polo que desde Marea de Vigo alertan de que nos imos atopar con “outro continente sen contido”. Rubén Pérez, portavoz do grupo municipal, defende que o primeiro que habería que facer é “catalogala como BIC e logo identificar e catalogar tamén seriamente todo o contido”. 

Durante os próximos dous meses Concello e Zona Franca van negociar a participaración concreta de cada un, porque a día de hoxe non está definida

Financiamento non definido

Aínda que non hai unha cifra oficial do que van custar as expropiacións e a posterior intervención no ámbito da Panificadora, distintas fontes estiman en 20 millóns o custo da actuación. Sobre este aspecto desde Zona Franca explican que de momento non poden concretar a súa participación. 

Nos orzamentos do consorcio para este ano figuran catro millóns para a Panificadora, pero é unha cifra que xa constaba na planificación de 2018 e pode volver estar na de 2020 sen que se execute un euro. “O proxecto deu un grande avance e agora a Xunta ten dous meses para responder. Durante este tempo Concello e Zona Franca negociarán a participación concreta de ambos, porque a día de hoxe non está definido”, indicaron fontes da entidade estatal.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.