Os disparos accidentais de caza mataron sete persoas en Galicia na última década, segundo o Goberno central

Cazadores nun monte galego © Federación Galega de Caza

O Executivo cifra en 47 as persoas que recibiron en territorio galego “disparos accidentais pola actividade de caza con arma”, un deles un menor

47 persoas recibiron en Galicia “disparos accidentais pola actividade de caza con arma” na última década, e delas sete morreron. Ademais, entre os feridos houbo un menor. Son as cifras oficiais que o Goberno de España vén de facilitar ao senador valenciano de Compromís Carlos Mulet, en resposta a varias preguntas súas sobre o sector.

A resposta do Goberno, con data deste martes 13 de outubro, cuantifica no global do Estado en máis de 600 as persoas que recibiron disparos accidentais de caza na última década, das que 51 faleceron, mentres que o detalle por provincias sitúa a Galicia como a cuarta comunidade con máis afectados, por detrás de Castela-A Mancha (178 feridos e 12 falecidos), Andalucía (131 feridos e 9 falecidos) e Castela e León (79 feridos e 9 falecidos).

En Galicia, o detalle por provincias sitúa Ourense como a máis afectada, con 17 persoas feridas, das que 4 faleceron. 

No global do Estado, os menores vítimas de accidentes de caza foron 17, dos que un rexistrouse en Pontevedra. Estas cifras oficiais non terían en conta a morte dun menor rexistrada en 2013 en Ribas do Miño por unha bala rebotada nin outro tipo de mortes por caídas ou accidentes de tráfico rexistrados durante actividades de caza, que veñen sendo tamén contabilizadas por entidades ecoloxistas. Os datos do Goberno tamén sinalan que en dous casos, en Córdoba e Toledo, os autores de disparos accidentais con feridos foron menores, mentres que do total de persoas afectadas, de máis de 600 en todo o Estado, só 15 foron mulleres, ningunha delas en Galicia. Na súa resposta o Goberno precisa que ningún deses casos foi catalogado como posible caso de violencia de xénero senón que só se contabilizaron como vítimas de "disparos accidentais pola actividade de caza con arma".

En Galicia había rexistradas en 2019 un total de 156.000 armas de caza, unhas catro mil menos que dous anos antes

O senador valenciano tamén preguntaba polo número de armas rexistradas, ao que o Goberno central contesta detallando as cifras de 2017, 2018 e 2019, anos nos que se foi producindo un progresivo descenso, ata un total de 2,57 millóns de armas en todo o Estado no último exercicio, das que 156.000 están en Galicia, unhas catro mil menos que dous anos antes. Este é o detalle:

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.