O número total de casos en Galicia ascende xa a 1.832, 234 máis ca onte, o que supón un ascenso do 14,6% no número de positivos
O número de ingresos hospitalarios de persoas infectadas polo coronavirus segue a medrar en Galicia. Son case 600, 86 delas na UCI e 499 en unidades convencionais, segundo as últimas cifras, que vén de facilitar a Consellaría de Sanidade.
O número total de casos en Galicia ascende xa a 1.832, 234 máis ca onte, o que supón un ascenso do 14,6% no número de positivos. Outra das principais novidades da xornada é grande aumento no número de altas, cun total de 47 pacientes recuperados, case o dobre que un día antes (25). Por vez primeira a cifra de altas supera ao de falecementos, que coas seis mortes rexistradas nas últimas 24 horas chega a 36.
Nas últimas 24 horas duplicouse a cifra de altas (25 máis, ata un total de 47), que por primeira vez superan ao número de falecementos, que chegan a 36
Os últimos falecementos corresponden a catro varóns: un deles de 63 anos que estaba ingresado no Hospital Universitario de Ourense; ademais doutro home de 74 anos ingresado no Hospital de Montecelo; outro de 87 anos que estaba ingresado no Hospital A Rosaleda en Santiago; e outro home, tamén de 87 anos que estaba ingresado en Ferrol. Os catro tiñan patoloxías previas.
No conxunto do Estado hai 56.188 casos, 6.700 máis que onte, un 13,5% máis. O número de mortes supera xa as catro mil (655 nas últimas 24 horas), con case 3.700 persoas na UCI. O número de altas chega ás sete mil. Madrid, A Rioxa, Navarra, País Vasco, Cataluña e Castela-A Mancha son as comunidades cunha maior incidencia da enfermmidade.
No último día houbo 17 novos ingresos en UCI, un 24% máis
Preocupa a situación nos hospitais. Aínda que o nivel de saturación é moito menor que o que sofren outros territorios, o número total de persoas ingresadas seguen a ascender, achegándose xa ás 600. 86 delas están na UCI (17 máis ca onte, un ascenso do 24%) e 499 en unidades convencionais (90 máis ca onte, un ascenso do 22%). A maior parte dos positivos, iso si, permanecen nos seus fogares, un total de 1.247.
Este martes a Consellería de Sanidade estimou que precisará ata 4.000 camas hospitalarias para atender casos de coronavirus. Os datos máis recentes do catálogo hospitalario do Ministerio de Sanidade especifican que a sanidade pública dispón en Galicia dunhas 6.400 camas dependentes do Servizo Galego de Saúde e doutras dúas mil en centros privados. En Galicia hai, ademais, 274 camas en unidades de UCI.
Este mércores pola tarde o primeiro paciente ingresado en Vigo polo coronavirus abandonou a UCI despois de case tres semanas
Este mércores pola tarde o primeiro paciente ingresado en Vigo polo coronavirus abandonou a UCI despois de case tres semanas, sinalando a xefa do servizo que a súa situación é "excelente". O home, de 43 anos e veciño de Moaña, é un transportista que posiblemente se contaxiara en Madrid. A súa muller e o seu fillo, que tamén foran infectados, recibiron a alta hospitalaria a pasada semana. Foi despedido con aplausos por parte de todo o persoal sanitario, como se pode ver neste vídeo.
Vigo é por segundo día consecutivo a área que rexistra máis positivos, con 462
Por áreas sanitarias, Vigo é por segundo día consecutivo a que rexistra máis positivos, con 462 (eran 396 onte). 438 corresponden á área da Coruña (eran 389), 302 á de Santiago (eran 288), 231 á de Ourense (eran 186), 222 á de Pontevedra (eran 202), 128 á de Lugo (eran 99), e 49 á de Ferrol (eran 38).
Vigo e Ourense foron as áreas sanitarias nas que máis aumentaron os positivos confirmados, nun día no que tamén volveu medrar con forza Lugo, que onte case non rexistrara novos casos, e no que volveu aumentar Ferrol, despois de dous días practicamente sen casos novos.