A curva do coronavirus modérase en Galicia. Iso é, cando menos, o que volven indicar os datos actualizados polo Servizo Galego de Saúde para este sábado, 4 de abril. Segundo a información fornecida por Sanidade, os casos positivos activos da covid-19 no país son 4.926, un incremento diario algo superior ao 6% que vai na liña das xornadas anteriores. Mentres, o falecementos incluídos nesta estatística son xa 168, un 12% máis que na xornada previa. [Galicia comeza a aplanar a curva de novos casos de coronavirus, ingresos en UCI e hospitalizacións]
Os falecementos pola covid-19 incluídos na estatística do Sergas son xa 168 e os positivos activos chegan aos 4.926
Segundo esta última actualización, na que destaca a moderación das entradas de pacientes en UCI -son 177, só un máis que no día previo-, as altas hospitalarias seguen medrando e superan por primeira vez as 500, un 22% máis que un día antes. Tras as diverxencias dos últimos días, segundo a Xunta esta información inclúe tamén ás persoas afectadas pola pandemia que residen en centros de persoas anciás.
A moderación no ritmo de detección de novos casos do coronavirus en Galicia prodúcese malia seguir aumentando o número de probas realizadas, sempre segundo o Sergas. O dato ofrecido para este sábado indica que xa foron aplicados un total de 25.842 test PCR. Este venres, día 3, eran 23.324.
Só unha persoa máis na UCI
O mellor dato do día no que atinxe ao impacto da pandemia no sistema hospitalario é o das entradas nas unidades de coidados intensivos (UCI). Segundo Sanidade, hai 177 persoas que precisan esta asistencia, o que supón un incremento de só unha en vinte e catro horas, o menor aumento dende o comezo da pandemia, do 0,57%).
Si aumenta a maior ritmo, aínda que tamén lonxe dos valores da pasada semana, a presión da pandemia nas áreas ordinarias de hospitalización. Os datos deste sábado reflicten que 891 persoas están ingresadas nestas unidades, o que supón un aumento de pouco máis do 2%. Si avanzan con máis intensidade as persoas en illamento domiciliario, que xa son 3.858, un 7,5% máis que no día anterior e case o 80% do total de positivos activos.
As áreas de Vigo e da Coruña, por riba dos mil casos
Por áreas sanitarias, en termos absolutos a de Vigo volve ser, unha xornada máis, a que acumula máis casos positivos activos pola covid-19, con 1.055. Este sábado o Sergas constata ademais que a área da Coruña supera tamén por primeira vez o milleiro de positivos activos e tamén reflicte un forte incremento de casos en Ourense, que pasa de 694 a 875 nunha área que é, ademais, a que vén presentando un maior número de positivos por cada 100.000 habitantes. [Galicia comeza a aplanar a curva de novos casos de coronavirus, ingresos en UCI e hospitalizacións]
Un chisco máis lonxe no total de casos, aínda que tamén con incrementos, están as demais áreas sanitarias: Santiago achégase aos 700 e Lugo, aos 600 casos positivos activos. Pontevedra segue un chisco por riba dos 400 e Ferrol achégase aos 300.