A moderación do ritmo da epidemia do coronavirus en Galicia que apuntaba a tendencia da semana pasada semella reflectirse tamén nos datos diarios nesta terceira semana de confinamento. O cómputo diario do Servizo Galego de Saúde inclúe este martes, 7 de abril, 5.435 positivos activos, un incremento en vinte e catro horas dun 1,74% que supón encadear oito días de descenso no ritmo de aumento e ademais, a menor suba porcentual nun día dende o comezo da pandemia. [Galicia comeza a aplanar a curva de novos casos de coronavirus, ingresos en UCI e hospitalizacións]
O Sergas rexistra 5.435 casos activos, un incremento diario do 1,74% que supón o menor dende o inicio dunha pandemia na que xa faleceron 258 persoas
Nun contexto no que a presión nos hospitais galegos comeza a minorar e por primeira vez, descende nun mesmo día o número de persoas ingresadas por covid-19 tanto en unidades hospitalarias ordinarias como na UCI, o peor dato da xornada volve ser o dos falecementos. Xa son 258 persoas as que morreron no país polo virus, 17 máis que un día antes. Delas, 9 faleceron en hospitais e 8, en residencias de anciáns.
Polo momento, Sanidade segue sen incorporar ao seu balance estes datos dos falecementos polo virus nos centros de maiores, aínda que vén de publicar unha orde para que as residencias lle transmitan información de cada pasamento cunha marxe de dúas horas e ademais, dende este 8 de abril vai ter a obriga de informar ao respecto ao Ministerio de Sanidade. Ata agora, a información que a Xunta traslada ao Ministerio non inclúe os falecementos por covid-19 en residencias de anciáns. A última hora da tarde deste 7 de abril, a Xunta anunciou á prensa que se dispón a seguir a "indicación" do Ministerio e o Sergas, de agora en diante, "centralizará" os datos e incorporará á estatística oficial da covid-19 os datos das residencias.
Polo momento, descoñécese cantas das mortes que acontecen nos hospitais se corresponden con persoas procedentes das residencias. [O Sergas pide ás residencias as mortes por coronavirus en dúas horas mentres segue sen sumalas á súa estatística]
A baixada no ritmo de detección de novos positivos malia continuar o incremento no número de probas -as PCR son xa 32.146, segundo Sanidade, mentres que este luns, día 6, eran 30.002 dá lugar a outro dato que apunta unha melloría da situación. Por primeira vez, o ritmo das altas en vinte e catro horas é superior ao dos novos positivos: son xa 688 persoas as dadas de alta, un 12,79% máis que o día anterior.
Menor presión nos hospitais
Aínda que como apunta o propio persoal sanitario, a carga asistencial pola pandemia aínda é moi elevada nos hospitais galegos, os indicadores de hospitalización pola covid-19 tamén se relaxan. Así, por primeira vez dende que o Sergas ofrece datos sobre o coronavirus, descenden nun mesmo día tanto as persoas na UCI como as ingresadas en unidades ordinarias de hospitalización. Fano nun 3,57% e nun 3,09%, respectivamente.
As persoas illadas a domicilio son o 80% dos positivos activos pola baixada das hospitalizacións
Así, segundo o balance deste 7 de abril precisan atención en unidades de coidados intensivos un total de 162 persoas infectadas polo coronavirus. Isto supón que dende o pasado día 4, cando se rexistraban 177 persoas nestas unidades, a súa ocupación pola pandemia está a baixar.
Mentres, as persoas hospitalizadas en unidades ordinarias son 91, 29 menos que un día antes. Si aumentan as illadas no seu domicilio, 4.363, un 0,88% máis que no día anterior. As persoas illadas na casa, polo efecto da diminución das hospitalizacións, xa son o 80% dos positivos activos.
A Coruña volve ser a área con máis casos
Por áreas sanitarias, o maior incremento diario é 7 de abril o da Coruña, que volver ser a que acumula máis positivos activos (1.117) tras varias xornadas na que o maior número absoluto veu sendo o de Vigo. Non obstante, a incidencia -positivos por cada 100.000 habitantes- é especialmente intensa en Ourense, por riba das áreas máis poboadas do país, aínda que neste balance o incremento é mínimo, de só 7 casos.
No resto de áreas, Santiago volve aumentar e achégase aos 900 casos mentres que Lugo presenta exactamente os mesmos que no día previo, 563. Pontevedra continúa por baixo do medio milleiro e Ferrol, un chisco por riba dos 300.