Os positivos activos chegan a 5.460, segundo o balance do Sergas, que por primeira vez inclúe os datos de persoas falecidas en residencias de maiores e dependentes, chegando o total a 278
A tendencia de aplanamento da curva epidémica da covid-19 en Galicia semella asentarse. Os datos fornecidos este mércores, 8 de abril polo Servizo Galego de Saúde, con máis demora do habitual e por primeira vez incluíndo información relativa aos falecementos nas residencias de persoas anciás e dependentes, reflicten por primeira vez dende o inicio da pandemia un incremento de positivos activos menor ao 1% nas últimas vinte e catro horas e, mentres a hospitalización total, tanto na UCI como en unidades ordinarias, descende por segundo día consecutivo.
Segundo a información de Sanidade -que dende hoxe si inclúe a de Política Social, en virtude do esixido polo Goberno central- os positivos activos en Galicia chegan a 5.460, un crecemento do 0,46% e apenas 25 máis ca un día antes. Hai unha semana o ritmo de incremento aproximábase ao 8% e hai dúas, por riba do 16%.
Mentres, o falecementos tamén se incrementan aínda que en menor cantidade que na xornada previa. Son xa 278 falecementos acreditados por coronavirus en Galicia, vinte máis que o día anterior. Mentres, as altas tamén aumentan e fano a máis velocidade que os novos casos detectados e os falecementos. Chegan xa ás 800, segundo a Xunta, un incremento do 16% diario.
Case o 40% das persoas falecidas vivían en residencias de maiores e o 20% dos positivos activos son residentes ou persoal destes centros
Por primeira vez, o cómputo de Sanidade detalla cantos destes falecementos son de persoas procedentes de residencias de maiores e dependentes. Faino en aplicación do novo protocolo forzado polo Estado, o que implica que a Xunta deixe de ofrecer un parte dende Sanidade e outro, de Política Social no que atinxe aos falecementos nas residencias. Este cruzamento de datos amosa como o 38% das persoas falecidas en Galicia polo coronavirus vivían nestes centros.
Mentres, Política Social si segue a ofrecer un parte de seu sobre os casos de positivos activos en cada residencia. Atendendo a esa información, a residencia con máis positivos activos este 8 de abril segue sendo Nuestra Señora de La Esperanza, da Fundación San Rosendo en Ourense (103). O departamento non detalla, non obstante, o número de persoas falecidas por residencia, o cal si viña facendo ata o pasado martes.
En virtude do novo cómputo si é posible coñecer tamén o total de persoas usuarias das residencias e tamén cantos membros do seu persoal están infectadas por coronavirus. Un total de 1.115 dos 5.460 positivos activos son casos de covid-19 en centros residenciais de maiores e dependentes, isto é, o 20% do total. Delas, 781 son persoas usuarias e 334, membros do cadro de persoal.
Outra baixada das hospitalizacións
Os datos deste 8 de abril amosan tamén como, por segundo día consecutivo, descenden as persoas hospitalizadas por coronavirus tanto en unidades ordinarias como nas de coidados intensivos. No caso das UCI, a tendencia á baixa dura xa catro días e, tras minguar nesta ocasión un 2,47%, as persoas ingresadas nelas polo virus quedan en 158. Mentres, as hospitalizacións ordinarias baixan un 8,24% e quedan en 835.
Deste xeito, as persoas que deron positivo por covid-19 en Galicia e permanecen en illamento domiciliario superan xa con claridade o 80% do total. Son xa 4.467, un 2,38% máis que no día anterior.
Baixadas en Pontevedra e Vigo e máis de 1.000 por primeira vez en Ourense
Por áreas sanitarias, por primeira vez descenden os positivos activos por coronavirus en dúas ao mesmo tempo: a de Vigo, que con 1.066 segue sendo a segunda con máis casos en termos absolutos, e tamén a de Pontevedra, que rexistra un leve descenso de 466 a 460. A área de Ourense, pola súa banda, rexistra un crecemento de só dous casos positivos activos pero supera os 1.000 por primeira vez. A da Coruña continúa sendo a que ten máis casos en total.