Os Premios Xoán Vicente Viqueira recoñeceron na súa cuarta edición un texto publicado pola psicóloga Gema Zunzunegui Lamas sobre as violencias sexuais e mais un traballo de Ana G. Liste sobre o malestar psicolóxico da xeración moza
Os Premios Xoán Vicente Viqueira do Colexio de Psicoloxía recoñeceron na súa cuarta edición dous traballos publicados en Praza.gal. A psicóloga Gema Zunzunegui Lamas obtivo galardón na categoría de Comunicación, polo seu artigo Referentes para identificar. Espazos para nomear. Acompañamentos para curar, publicado o pasado 20 de decembro.
Ademais, o xurado decidiu outorgar unha mención especial ao texto da xornalista Ana González Liste Menos recursos emocionais, máis autoesixencia: a mocidade pide referentes para abordar a saúde mental, publicado o 1 de marzo de 2024.
Na categoría de Xornalismo o xurado escolleu a reportaxe La comunidad sigue sin tocar techo en el uso de antidepresivos: un 52% más en 10 años, publicada no xornal Faro de Vigo pola xornalista Carmen Villar. Os premios están dotados con 2.000 euros en cadansúa categoría. A entrega dos galardóns realizarase o vindeiro 6 de xuño en Santiago de Compostela, no marco do acto institucional Achegas da Psicoloxía.

Ademais, a xornalista do Faro de Vigo Carmen Villar obtivo o galardón por unha reportaxe sobre o modelo de atención á saúde mental
No caso do artigo de Gema Zunzunegui Lamas, o xurado destadou a súa "reflexión honesta e poética sobre as violencias sexuais e o cambio social na súa narrativa, situando o sufrimento emocional nunhas coordenadas sociais, históricas e afectivas, mentres o relaciona coa abordaxe psicoterapéutica, tecendo referencias desde o feminismo e o comunitario".
Na reportaxe de Ana G. Liste destácase que "a través de fontes expertas da Psicoloxía, aborda o incremento do sufrimento emocional e do malestar psicolóxico da xeración moza, contextualizando as causas estruturais que sosteñen esta situación, como é a falta de recursos de atención á saúde mental ou a autoesixencia alimentada polas redes sociais, e propón unha reflexión sobre a necesidade de crear espazos de coidado e acompañamento emocional".
Na reportaxe de Carmen Villar, o xurado resaltou "a súa abordaxe dunha problemática estrutural como é o modelo de atención á saúde mental, no que se prioriza a abordaxe farmacolóxica en detrimento da intervención psicoterapéutica, dificilmente accesible no sistema público de saúde". A xornalista "propón alternativas sen caer no alarmismo, dando voz a fontes expertas, o que o convirte nun exemplo da función de servizo público do xornalismo", sinala o Colexio de Psicoloxía.
Cuarta edicións dos galardóns
O obxectivo destes Premios é recoñecer o labor divulgativo da psicoloxía nos medios de comunicación, primando a ética, a responsabilidade e as boas prácticas ao tempo que se desmenten pseudociencias e pseudoterapias. Así, o Premio de Comunicación pretende recompensar aos psicólogos e psicólogas colexiadas no COPG que colaboren de forma frecuente e continuada cos medios de comunicación co obxectivo de divulgar a profesión na sociedade desde o rigor, a ética e a vocación de servizo público. O Premio Xornalístico está dirixido a xornalistas que publicasen algún traballo en relación coa psicoloxía seguindo estas mesmas consideracións.
Os galardóns serven tamén para homenaxear un dos maiores referentes da historia da psicoloxía en Galicia. Vicente Viqueira era un psicólogo e filósofo galego cunha gran preocupación sobre o ensino da psicoloxía, chegando a deseñar un plan de desenvolvemento desta ciencia tras coñecer o modelo alemán. A súa precoz morte impediu que puidese profundar nese impulso á psicoloxía no noso país, que sempre tivo presente. Alén, Viqueira trasladaba as súas inquedanzas sociais no xornal A Nosa Terra, por exemplo, en relación á modernización e á galeguización do ensino.