"Os terreos son da veciñanza de Corvelle, non da Igrexa, pero péchannos as portas"

Cemiterio e igrexa de Corvelle (Vilalba) © Google Maps

Este sábado o Campo da Festa de Corvelle, en Vilalba, acollerá as celebracións da festividade de San Xosé, organizadas pola Asociación de Veciños. Despois da misa e dunha procesión, a orquestra Los Adrianos encargarase de amenizar a sesión vermú, repetindo actuación pola noite, antes do prato forte, a actuación de Los Satélites. As festas grandes de Corvelle, con todo, teñen lugar no verán, en honor de San Bartolomeu, patrón da parroquia, unhas celebracións polas que en anos anteriores pasaron artistas como King África.

A veciñanza de Corvelle iniciou unha batalla legal para certificar a propiedade comunal de oito predios que foron legados á poboación da parroquia décadas atrás e que a Igrexa quere vender, entre eles o Campo da Festa

Ao igual que sucede en tantos lugares de Galicia, o Campo da Festa é un dos espazos esenciais para a parroquia de Corvelle. Un punto de encontro esencial para a organización de eventos que, dada a súa importancia, é xestionado polos veciños e veciñas, que nos últimos anos construíron un peche, un palco e pagan anualmente as correspondentes taxas municipais.

Porén, hai uns meses a veciñanza do lugar tivo noticia de que un apoderado da Diocese de Mondoñedo estaba tentando poñer á venda varios terreos que sempre foran dos habitantes de Corvelle, entre eles o imprescindible Campo da Festa. Comezou nese momento unha batalla legal para impedir esta venda e para certificar a propiedade comunal dos predios, que foron legados á poboación da parroquia décadas atrás. Aquela doazón fíxose a través dun testamento que os veciños máis vellos do lugar lembran ter visto, pero que na actualidade non aparece. 

Igrexa parroquial de Corvelle, en Vilalba CC-BY-SA Breogan 2008

"Todo foi sempre de palabra e os veciños sempre deran por feito que llos legaran e que os terreos eran deles"

A segunda sorpresa que recibiron os veciños e veciñas foi que hai vinte anos a Diocese de Vilalba puxo estes oito terreos ao seu nome no catastro, entre eles o Campo da Festa. Unha titularidade catastral que, no entanto, non implica que a Igrexa se converta no propietario legal dos predios. De feito, no rexistro da propiedade a veciñanza puido saber, a través do traballo do avogado Miguel Vieito, que a Diocese de Mondoñedo non ten bens inmobles inscritos ao seu nome na parroquia de Corvelle.

"Eses terreos sempre foron nosos, pero o problema é que non hai ningún papel que diga que son nosos", explica para Praza.gal a presidenta da Asociación de Veciños. "Todo foi sempre de palabra e os veciños sempre deran por feito que llos legaran e que os terreos eran deles. Pero agora atopámonos con que, ao non haber papeis, a Igrexa di que son seus".

"Existía un documento que recollía que un cura que viviu en Corvelle moitos anos mercou esas terras e que as legaba aos veciños, sinalando que todo o que esas leiras producisen serían para soster os gastos da parroquia"

Carmen, outra das veciñas da parroquia, relata que "parece ser, segundo din os maiores, que existía un documento que recollía que o cura que viviu en Corvelle moitos anos mercou esas terras e que llas legaba aos veciños, sinalando que todo o que esas leiras producisen serían para soster os gastos da parroquia". "Ese documento vírono os veciños, pero non aparece por ningures. Temos constancia de que o tiña un cura que estivo despois na parroquia. Fomos falar cos seus familiares, pero tampouco saben onde está", explica. Neste senso, o avogado Miguel Vieito conta que cando tentaron atopar o testamento no Arquivo Histórico da Diocese de Mondoñedo-Ferrol atoparon que "xusto as páxinas nas que figuraba o testamento foran arrincadas", explica o avogado Miguel Vieito.

"Os veciños pagamos as taxas municipais, fixemos un peche, fixemos un palco, puxemos unhas torres de luz. En definitiva, fixemos un investimento"

"Temos trabas por todos os lados", denuncia Ana, unha queixa na que tamén incide Carmen: "Os terreos son dos veciños de Corvelle, non da Igrexa. Levamos tres anos con isto, pero as administracións péchannos as portas". Refírense tamén á falta de colaboración que -denuncian- atoparon no Concello de Vilalba, ao que lle solicitaron a documentación que puidese posuír e que apoiase a súa demanda, como os certificados dos pagamentos das taxas correspondentes ou da solicitude de permisos para a celebración de eventos.

Son oito os terreos cuxa titularidade reclama a veciñanza, pero como destaca Ana "o Campo da Festa é o que máis nos interesa". "Os veciños pagamos as taxas municipais, fixemos un peche, fixemos un palco, puxemos unhas torres de luz. En definitiva, fixemos un investimento", lembra. Uns investimentos que, como engade Carmen, tamén incluíron achegas públicas, tanto do Concello coma da Xunta de Galicia hai xa unhas décadas. 

En 1975 os veciños manifestáronse para que a Diocese lles permitise construír alí o Campo da Festa da parroquia, nunha mobilización á que chamaron "a marcha verde"

A propia creación do Campo da Festa ten tamén unha historia curiosa detrás, unha historia de mobilización veciñal en pleno final da ditadura e, finalmente, de éxito colectivo para a parroquia. No ano 1975 o actual Campo da Festa era un terreo de xestas e de mato. A veciñanza quería convertelo nun Campo da Festa, pero o cura da parroquia tíñao arrendado a unha persoa que non quería cedelo. 

Daquela os veciños decidiron montar unha manifestación, á que lle chamaron “a marcha verde”, porque coincidiu despois da que fixera Marrocos para facerse co Sahara. Foron todos os veciños ata Mondoñedo, aínda que só puideron entrar catro representantes ás oficinas da Diocese, onde recibiron o permiso para facer alí o Campo da Festa.

Documento do Rexistro da Propiedade que confirma que a Diocese de Mondoñedo non ten bens inmobles inscritos ao seu nome na parroquia de Corvelle CC-BY-NC-SA Praza.gal

É tal a importancia do Campo da Festa que hai uns meses os veciños mesmo fixeron un intento para mercarlle os terreos á Igrexa, para ter a garantía de que poderían seguir utilizándoos, mesmo a pesar de ter a certeza de que a titularidade lle corresponden á veciñanza. Fixeron unha primeira oferta, que nin sequera foi respondida, seguida dunha segunda, desta volta a través dunha carta certificada, que tampouco tivo resposta.

Na parte de arriba do Campo da Festa os veciños mesmo fixeron un pequeno campo de fútbol para que xogasen os nenos da parroquia. Na actualidade, como non hai nenos na parroquia, úsase como aparcamento, aínda que alí seguen as porterías

Na parte de arriba do Campo da Festa os veciños mesmo fixeron un pequeno campo de fútbol para que xogasen os nenos da parroquia e foi o Concello de Vilalba quen puxo as porterías. Porén, na actualidade, como non hai nenos na parroquia, úsase como aparcamento, aínda que alí seguen as porterías. O campo de fútbol úsase tamén unha parte como punto limpo para deixar os plásticos que se utilizan nos silos e para que alí os recolla todos xuntos o servizo de limpeza do Concello.

Mostras todas do uso e dos investimentos continuados levados a cabo pola veciñanza neste Campo da Festa "dende que temos memoria", destaca Carmen, que xunto con Ana destacan a "unidade" de todos os veciños da parroquia nesta batalla por certificar a titularidade duns terreos que utilizan e posúen "dende tempos inmemoriais". "Dende a Asociación comezamos hai meses a facer estas xestións e todos os veciños anímanos a seguir adiante, a loitar para que estes terreos sigan sendo de Corvelle", conclúe Ana.

Cartel das festas de San Xosé en Corvelle, que se celebran este sábado © AAVV Corvelle

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.