Unha parroquia de Vilalba denuncia que a Diocese de Mondoñedo pretende inscribir ao seu nome oito terreos "que sempre foran dos veciños"

Catedral de Mondoñedo CC-BY José Luis Cernadas Iglesias

A veciñanza de Corvelle vén de presentar unha demanda xudicial para que os recoñezan como titulares dos predios, que inclúen o Campo da Festa, cuxo mantemento leva anos pagando a Asociación de Veciños

Corvelle é unha parroquia do Concello de Vilalba, situada no nordeste da capital municipal, preto da estrada que leva a Abadín e Mondoñedo. Conta con 247 habitantes, unha poboación en descenso dende os 399 que alí vivían no ano 1991. Hai uns meses a Asociación de Veciños descubriu que un apoderado da Igrexa estaba intentando poñer á venda unha serie de terreos de distintos lugares da parroquia "que sempre foran dos veciños".

Entre eles o propio Campo da Festa, onde dende hai décadas se celebran as festividades do lugar, organizadas e pagadas pola Asociación de Veciños, que mesmo construíu alí un palco e se vén ocupando do mantemento e limpeza do lugar. Puxéronse en contacto cun avogado, Miguel Vieito, para que analizase a legalidade da actuación levada a cabo pola Igrexa e as posibilidades de reverter a operación.

Documento do Rexistro da Propiedade que confirma que a Diocese de Mondoñedo non ten bens inmobles inscritos ao seu nome na parroquia de Corvelle CC-BY-NC-SA Praza.gal

O primeiro que Vieito fixo foi tentar saber a quen correspondía a propiedade deses bens comunais que a Igrexa estaba a poñer á venda. Atopou que no Rexistro da Propiedade non figuraban a nome de ninguén, pero que no Catastro foran inscritos a nome da Diocese de Mondoñedo-Ferrol. A inscrición realizárase en decembro do ano 2001. A data é importante, pois xusto agora veñen de transcorrer os 20 anos que a lei esixe para que unha persoa ou entidade poida adquirir a propiedade polo uso dun ben inmoble.

Os bens comunais figuran no catastro a nome da Diocese dende hai 20 anos, pero non no Rexistro da Propiedade

A asociación explica que o vello cura da parroquia lles legara estes terreos aos veciños e veciñas. Porén, cando tentaron atopar o testamento no Arquivo Histórico da Diocese de Mondoñedo-Ferrol atoparon que "xusto as páxinas nas que figuraba o testamento foran arrincadas", explica o avogado Miguel Vieito. Así mesmo, pediron colaboración no Concello de Vilalba, pero denuncian que "non obtiveron resposta". Así pois, os veciños "non poden saber tampouco que documentación figura no Concello sobre estes terreos e a súa propiedade", sinala Vieito.

O vello cura da parroquia legoulles estes terreos aos veciños e veciñas. Porén, cando tentaron atopar o testamento no Arquivo Histórico atoparon que "xusto as páxinas nas que figuraba o testamento foran arrincadas"

A veciñanza critica que a Igrexa, a través dun administrador, leva tempo enriquecéndose con algún destes terreos comunais, alugándoos e dando a cambio un recibín informal. Agora, sospeitan que a Igrexa busca facer negocio coa maior parte dos terreos, comezando polo propio Campo da Festa, que podería ser segregado, para venderlle "con sobreprezo" unha parte aos veciños e explotar o resto "probablemente facendo aproveitamento forestal na parte superior", denuncian. Hai uns meses, mesmo realizaron unha oferta para mercar o Campo da Festa e evitar así perder este espazo. Porén, a Igrexa nunca chegou sequera a contestar a este ofrecemento.

Os terreos non constan nas inmatriculacións  que o ano pasado fixo públicas o Goberno central. Porén, a relación non recollía as posibles inscricións no catastro, como as realizadas en Corvelle

Os terreos non constan nas inmatriculacións  que o ano pasado fixo públicas o Goberno central. Entre 1998 e 2015 a Igrexa Católica rexistrou 7.131 bens en Galicia, máis da metade terreos e edificios de uso non relixioso. A gran maioría dos rexistros realizados en Galicia (6.210) leváronse a cabo a través das certificacións eclesiásticas permitidas pola lei anterior, e coa que a Igrexa non necesitaba achegar documento ningún para legalizar a inmatriculación dun ben (abondaba coa súa palabra). Esta listaxe recollía as inscricións realizadas por primeira vez no rexistro da propiedade e, de feito, a Diocese de Mondoñedo-Ferrol levara a cabo moi poucas destas inmatriculacións. Porén, a relación non recollía as posibles inscricións no catastro, como as realizadas en Corvelle, o que pode ser unha porta de entrada a inscricións posteriores. 

A veciñanza de Corvelle decidiu finalmente acudir ao xulgado para reclamar a propiedade

Hai uns días a veciñanza de Corvelle decidiu finalmente acudir ao xulgado para reclamar a propiedade de oito bens inmobles que "sempre foron dos veciños", indican. Este procedemento xudicial apoiarase, ademais, en facturas que acreditan que a veciñanza pagou as obras do palco ou o propio peche do terreo no que se sitúa o Campo da Festa. Así mesmo, valoran presentar un escrito oficial de queixa na Diocese de Mondoñedo-Ferrol. 

Vista lateral da igrexa parroquial de Corvelle, en Vilalba CC-BY-SA Chairego apc

"É todo un misterio como se converteu a Igrexa en titular catastral, algo que fixo no ano 2001, cumpríndose agora os 20 anos que a lei esixe para que poidas adquirir a propiedade polo uso"

Miguel Vieito di que a Igrexa non lles deixou outra saída, pechándolles todas as portas agás a vía xudicial. "O único camiño que lles deixan aos veciños é ir a xuízo, apoiándose en que levan décadas facendo uso destes terreos e tentar así facer efectivo o seu rexistro, porque a Igrexa non ten un título legal para rexistrar estes bens ao seu nome", explica, aínda que recoñece que "a Diocese ten ao seu favor que é a titular catastral". "É todo un misterio como se converteu a Igrexa en titular catastral, algo que fixo no ano 2001, cumpríndose agora, polo tanto, os 20 anos que a lei esixe para que poidas adquirir a propiedade polo uso", explica.

Cando o administrador da Diocese soubo que os veciños se estaban a reunir para barallar a posibilidade de presentar unha demanda xudicial "chamou e empezou a insultalos"

Esta mesma semana, cando o administrador da Diocese soubo que os veciños se estaban a reunir para barallar a posibilidade de presentar unha demanda xudicial "chamou e empezou a insultar aos veciños". Despois, iso si, "sempre que se frease a demanda xudicial", accedeu a venderlles o campo da festa ao prezo que estes ofertaran previamente, e que fora rexeitado pola Igrexa, unha oferta que os veciños cualificaron como "ofensiva", pois lles estarían a vender uns terreos que "sempre foron seus".

Cemiterio de Corvelle CC-BY-SA Chairego apc

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.