Pablo Costas regresa a Galicia tras 11 meses retido en Iemen entre críticas a Australia e á actuación do Estado español

Rolda de prensa de Pablo Costas, este venres en Madrid © EMT

Este venres ao mediodía Pablo Costas aterrou no aeroporto de Madrid procedente do Cairo, despois de que a pasada semana finalizase a retención que durante os últimos 11 meses sufrira no Iemen, acusado primeiro dunha suposta "pesca ilegal" por parte das autoridades australianas. Este sábado o mariñeiro estará xa na súa vila, en Bueu, onde ás 13.30 horas se dirixirá dende a Casa do Concello á cidadanía, para agradecer o apoio emprestado nos últimos meses.

Este sábado o mariñeiro estará xa na súa vila, en Bueu, onde ás 13.30 horas se dirixirá dende a Casa do Concello á cidadanía, para agradecer o apoio emprestado nos últimos meses

No mes de setembro do pasado ano Pablo Costas, un mariñeiro de Bueu, foi detido en Iemen acusado de pesca ilegal. Tres meses antes, o barco pesqueiro no que traballaba no Océano Índico, o Cobija, de bandeira boliviana, fora sometido a unha inspección por parte de autoridades australianas, que en principio aseguraran de que todo estaba en orde. Porén, cando o verán estaba a piques de rematar, o barco foi vendido a un armador somalí, que ordenou que a embarcación se dirixise a Iemen, onde Costas recibiu unha orde de arresto cursada por Australia a través da Interpol.

Pablo Costas, este venres en Madrid © Solidaridad Obrera

Costas denunciou a actitude das autoridades australianas, pero  estendeu tamén as críticas ao Goberno español, en especial ao Ministerio de Asuntos Exteriores, que -denunciou- atendeu durante meses as presións do Goberno australiano para evitar a súa liberación

Despois de pasar tres meses na cadea, pensando que podería iniciar o seu regreso, Costas atopou con que se atopaba retido no país, en condicións que foron empeorando ao longo dos meses. Leváronse a cabo mobilizacións en Galicia, especialmente en Bueu, o seu concello, impulsadas principalmente polo sindicato CUT.

Á súa chegada a Madrid Costas ofreceu unha rolda de prensa, na que estivo acompañado da súa familia e tamén de Manolo Caamaño (CUT). Alí, o mariñeiro relatou a situación sufrida nos últimos meses e amosouse moi crítico, primeiro, coas autoridades australianas, un "lobby" ao que responsabilizou do seu "secuestro". Porén, estendeu tamén as críticas ao Goberno español, en especial ao Ministerio de Asuntos Exteriores, que -denunciou- atendeu durante meses as presións do Goberno australiano para evitar a súa liberación. "Cometeuse inxustiza tras inxustiza connosco, o promotor foi Australia coas súas presións ilegais", dixo, engadindo que "me tocou estar nun país onde a lei e o Estado están desaparecidos".

Costas defendeu a súa inocencia: "Eu non son ningún delincuente, sempre traballei legalmente e todo o que hai é presunto e inxusto, con contradicións e ausencia de notificacións" 

Costas destacou que a súa retención se prolongou varios meses debido á "inacción" do Ministerio, particularmente durante a xestión da anterior ministra, Arancha González Laya. O mariñeiro recoñeceu, pola contra, que a intervención persoal do novo ministro, Juan Manuel Albares, facilitou finalmente o seu regreso. “O ministro de agora fixo algo, a de antes nada”, asegurou.

Ademais, defendeu a súa inocencia: "Eu non son ningún delincuente, sempre traballei legalmente e todo o que hai é presunto e inxusto, con contradicións e ausencia de notificacións" e alertou de que o que lle sucedeu a el "pódelle pasar a calquera" se non muda o "control" que Australia exerce na zona.

Concentración de apoio a Pablo Costas © CUT

Costas asegurou estar "ben psicoloxicamente", aínda que dixo que o vivido nos últimos meses o cambiou

Costas asegurou estar "ben psicoloxicamente", aínda que dixo que o vivido nos últimos meses o cambiou. "Tiven moito tempo para reflexionar, son unha persoa distinta”, dixo. Na rolda relatou ademais as "penurias" sufridas. "Fomos autosuficientes ata que puidemos, logo pasamos penurias, foi un calvario. Os últimos meses foron insustentables. Estabamos sen auga e sen poder lavarnos", afirmou.

"A mobilización e a unidade popular foi imprescindíbel para conseguir que as administracións se movesen e Pablo Costas volte por fin para a casa", di a CUT

A CUT, que nos últimos meses liderou as mobilizacións para acadar a liberación de Pablo Costas, denunciou tamén que "a esta situación extrema chegouse tamén coa complicidade do Ministerio español de Asuntos Exteriores, que durante meses non ofreceu ningunha solución". E destacou que "a mobilización e a unidade popular foi imprescindíbel para conseguir que as administracións se movesen e Pablo Costas volte por fin para a casa". E conclúe que "só o pobo salva o pobo".

Pablo Costas, este venres en Madrid, na rolda de prensa que ofreceu xunto a Manolo Caamaño (CUT) e á súa familia © Solidaridad Obrera

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.