Piden demoler a represa de Cabanelas: "A Toxa ten alternativas para regar o campo de golf"

Concentración contra a represa de Cabanelas, no río Umia, este domingo © PDRA

As entidades convocantes denuncian que a represa foi construída para abastecer de auga á Illa da Toxa, facendo fincapé en que a auga é empregada principalmente para usos turísticos polo hotel e o campo de golf existentes no lugar

Un cento de persoas participaron o pasado domingo en Ribadumia na concentración convocada na praia fluvial de Cabanelas, no río Umia, para protestar contra a represa construída no lugar. A protesta, baixo o lema "A saúde do Umia é a nosa saúde", reclama a "revisión" da actuación levada a cabo por Augas de Galicia, coa "demolición" da represa e defende "a continuidade e o funcionamento natural do río". 

As entidades convocantes denuncian que a represa foi construída para abastecer de auga á Illa da Toxa, facendo fincapé en que a auga é empregada principalmente para usos turísticos polo hotel e o campo de golf existentes no lugar.

Concentración contra a represa de Cabanelas, no río Umia, este domingo © PDRA

"Os usos sociais teñen prioridade respecto dos usos privativos", di a PDRA, que engade que "o subministro de auga potable debería realizarse desde a rede do concello de O Grove"

A concentración foi convocada por entidades coma o Clube de Pesca deportiva Pesca Cíes, Limpiarousa, ADEGA, o Colectivo Ecoloxista do Salnés e o BNG a Asociación de veciños San Vicente de Oubiña e foi apoiada pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), a Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO), a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). "O funcionamento do río non se debe de alterar e menos aínda romper. Queremos un río vivo, un río enteiro", destacouse no manifesto lido na concentración

"As augas posteriores á represa están asociadas ao sistema de explotación da ría de Arousa e afectan directamente á produtividade do banco marisqueiro de O Sarrido", sinala a PDRA

A PDRA denuncia que a represa construida por Gestión y Técnicas del Agua de La Toja S.A. "non respecta o caudal ecolóxico mínimo establecido no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa" e "compromete a vida piscícola do río e a súa biodiversidade e afecta aos seus usos sociais". Ademais, aleta de que "as augas posteriores á represa están asociadas ao sistema de explotación da ría de Arousa e afectan directamente á produtividade do banco marisqueiro de O Sarrido".

A plataforma sinala que "La Toja SA ten alternativas para regar o seu campo de golf sen afectar á viabilidade do rio Umia e comprometer os usos consuetudinarios que se fan nese tramo do rio e no banco de O Sarrido" e subliña que "os usos sociais teñen prioridade respecto dos usos privativos" e que "o subministro de auga potable debería realizarse desde a rede do concello de O Grove".

As protestas reclaman a revisión da recente actuación realizada na represa do río Umia e defender a continuidade e o funcionamento natural do río © PDRA

ADEGA alerta dos efectos prexudiciais que a represa pode ter para o medio: "maior quecemento da auga, alteración do hábitat das especies acuáticas, posible expansión de especies alóctonas e modificación do transporte natural de sedimentos cara a ría de Arousa"

Pola súa banda, ADEGA sinala que "seguimos agardando a que Augas de Galicia achegue os informes que respaldaron a autorización desta obra da represa en Cabanelas e que comunique á cidadanía como e por que autorizou este abuso no noso río". A entidade ecoloxista alerta dos efectos prexudiciais que a represa pode ter para o medio: "maior quecemento da auga, alteración do hábitat das especies acuáticas, posible expansión de especies alóctonas e modificación do transporte natural de sedimentos cara a ría de Arousa".

"A Inmobiliaria da Toxa debe buscar outro xeito máis sostible de manter os seus intereses", di ADEGA

A organización ambientalista conclúe que Augas de Galicia "debe antepor o ben común aos intereses privados" e que "a Inmobiliaria da Toxa debe buscar outro xeito máis sostible de manter os seus intereses, e máis compatibles cos outros usos e funcións do río". "Queremos que se analice o impacto global da obra e se adopten todas as medidas necesarias para que o Umia poida seguir funcionando como un río vivo", engade.

Denuncian que a interrupción ocasionada pola represa non garantiza o caudal ecolóxico mínimo na época estival © PDRA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.