Protestas en Carral e Vigo pola implantación de FP Básica en centros de ESO sen "diálogo" e "recursos"

Protestas no IES de Carral pola implantación da FP Básica © CIG-Ensino

A comunidade educativa do IES República Oriental de Uruguai de Teis (Vigo) e o IES de Carral atópase mobilizada ante o plan da Consellaría de Educación de implantar nos dous centros senllos ciclos de FP Básica para o vindeiro curso

A comunidade educativa do IES República Oriental de Uruguai de Teis (Vigo) e o IES de Carral atópase mobilizada ante o plan da Consellaría de Educación de implantar nos dous centros senllos ciclos de FP Básica para o vindeiro curso. Os dous casos son idénticos: ambas protestas subliñan que non están en contra de que o ensino da FP se realice no centro, pero critican que o proceso se realizara sen a debida información por parte do Goberno galego e que, ademais, a implantación se vaia producir sen contar cos necesarios recursos ou instalacións en institutos pequenos que na actualidade só imparten ESO.

Tanto en Carral coma en Teis levárose a cabo concentracións en manifestacións nos últimos días e no IES de Carral o equipo directivo do centro presentou a súa dimisión en bloque. Este mércores as protestas de ambos os dous institutos converxeron nunha cazolada simultánea que mesmo compartiu algún dos seus lemas, como “FP sí, pero non así”. Este mércores 17, ademais, o claustro do IES de Carral decidiu convocar unha folga que se desenvolverá durante a súa xornada laboral.

Fachada dos dous centros de ensino afectados © Xunta

Ambas protestas subliñan que non están en contra de que o ensino da FP se realice no centro, pero critican que o proceso se realizara sen a debida información por parte do Goberno galego e que, ademais, a implantación se vaia producir sen contar cos necesarios recursos ou instalacións

No caso do IES de Carral o módulo que a Xunta quere implantar é o de Mantemento de Vehículos, que cursarían 18 alumnos. Dáse a circunstancia de que se trata dun centro pequeno, que non conta con aulas dispoñibles para acoller a FP Básica, para o que se tería que adquirir un predio anexo ao instituto e construíla alí.

No IES República Oriental do Uruguai a situación é semellante. Neste caso o módulo a impartir no centro sería o Electrónica e Electricidade e, de igual xeito, o centro non dispón de aulas dispoñibles, polo que as clases terían que darse "nun galpón", segundo denuncia a comunidade educativa mobilizada.

Carral: coñecer pola prensa o futuro do seu centro

"Cando se decide que un instituto que só ten ESO pase a ter un ciclo de FP Básica, pensamos que é algo que se debería falar previamente" esxplica o ex-director do IES de Carral, que presentou a súa dimisión

O pasado 11 de xuño o equipo directivo do IES de Carral anunciou á familias a súa dimisión en bloque, que foi comunicada ante Inspección educativa, denunciando "a imposición da Consellaría de Educación da implantación dunha aula nómade de FP Básica no noso centro para o curso 26-27 sen previa negociación coa comunidade educativa".

En conversa con Praza.gal o director dimitido, Anxo Gómez, sinala que "cando se decide que un instituto que só ten ESO pase a ter un ciclo de FP Básica, pensamos que é algo que se debería falar previamente". Explica que ao longo deste curso recibiron unha primeira proposta de Educación para acoller este ciclo, que o equipo directivo rexeitou por ter tan só un día para pensalo; nunha segunda proposta, máis adiante, o centro volveu expresar as súas dúbidas, centradas sobre todo nos recursos e instalacións coas que contaría o proxecto. "A nós o que se nos dixo é que se nos resolverían esas dúbidas antes de tomar calquera tipo de decisión", apunta, sinalando que ían recibir a visita da Directora Xeral de Formación Profesional e mais dun profesor que imparte clases nese módulo.

"Nós non temos nada en contra da FP Básica, por suposto", subliña Gómez, que advirte da circunstancia de que poida chegar alumnado de moita maior idade a un centro con alumnado moi novo. Destaca, ademais, que actualmente no centro "non hai un espazo axeitado para situar a aula"

Porén, "esperando para resolver esas dúbidas", o Equipo Directivo viu como o centro saía no borrador de oferta de prazas. Ese día, cando quixeron enviar alegacións, a resposta que recibiron foi que "xa vai saír no DOG" e que "xa está todo decidido". De feito, mesmo antes de publicarse no DOG o 10 de xuño, a nova da implantación do ciclo en Carral apareceu na prensa xa o 8 de xuño. "Non nos pareceu serio que dende Educación se nos dixera que ían resolver as nosas dúbidas para despois non saber nada máis ata que aparece xa todo publicado", sinala Anxo Gómez.

"Nós non temos nada en contra da FP Básica, por suposto", subliña Gómez, que advirte da circunstancia de que poida chegar alumnado de moita maior idade a un centro con alumnado moi novo (que chega ata 4º de ESO). Destaca, ademais, que actualmente no centro "non hai un espazo axeitado para situar a aula" e que o instituto non é moi grande. Así mesmo, lembra que este mesmo módulo xa se está a ofertar en tres localidades moi próximas a Carral, como son Betanzos, A Coruña e Ordes.

Vigo: sen diálogo previo e co alumnado "nun galpón"

No IES República Oriental do Uruguai de Vigo o claustro denuncia a imposición "sen diálogo previo" do ciclo de FP Básica e critica que as clases se darían nunha "aula prefabricada no exterior, un galpón"

No IES República Oriental do Uruguai as protestas comezaron só uns días despois, e con motivos de queixa semellantes. A comunidade educativa denuncia a imposición "sen diálogo previo" do ciclo de FP básica e sen criterios claros que xustifiquen a elección deste centro. O claustro critica que as clases se darían nunha "aula prefabricada no exterior, un galpón".

E salienta que "unha medida desta relevancia foi adoptada sen diálogo previo, sen planificación coñecida e sen aclarar cuestións fundamentais como a dotación de profesorado, os recursos asignados, o impacto sobre os espazos do centro ou as consecuencias organizativas da implantación".

Ao igual que en Carral, o claustro do IES ROU reitera que non se opoñen á implantación da FP básica, senón a que esta se faga sen a debida planificación e dotación de recursos e sen o necesario consenso da comunidade educativa.

Pola súa banda, a Consellaría de Educación asegura que o instituto contará con profesorado extra para impartir a FP Básica e rexeitou as acusacións de que non existira diálogo previo co centro.

Protesta no IES de Carral © CIG-Ensino

A polémica chega ao Parlamento

Tanto BNG coma PSdeG-PSOE levaron ao Parlamento as protestas da comunidade educativa do IES de Carral

Tanto BNG coma PSdeG-PSOE levaron ao Parlamento as protestas da comunidade educativa do IES de Carral. O BNG rexistrou iniciativas para pedir explicacións á Xunta e reclamar que se paralice a instalación dunha aula móbil vinculada a este novo ciclo formativo. As deputadas nacionalistas Iria Taibo e Cristina Fernández Davila presentaron unha proposición non de lei e varias preguntas para resposta oral e escrita, iniciativas nas que se reclama que se abra un diálogo coa comunidade educativa antes de incorporar novos ciclos ao centro.

A formación sinala que o centro carece de espazos e instalacións axeitadas para acoller esta formación e cuestiona que exista unha demanda real suficiente para implantar ese ciclo.

De igual xeito, o PSdeG anunciou que levará ao Parlamento a situación xerada no IES de Carral. A deputada socialista no Parlamento galego, Silvia Longueira, explicou que “para a implantación dunha liña de FP ten que existir consenso entre o centro educativo, o Concello e a Xunta”, e indicou que esta decisión “chegou sen explicacións claras sobre como se vai desenvolver”. Longueira advertiu ademais de que o instituto “xa presenta actualmente problemas de espazo co alumnado existente”, polo que considera que a chegada de novo alumnado podería incrementar esas dificultades se non se habilitan novos recursos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.