Reclaman unha homenaxe a Joám Facal, que traballou "para que a casa de todos sexa mellor"

Joám Lopes Facal © AGAL

Hemeroteca

"Un país que se prece de selo ten que render tributo ás mulleres e homes que na súa traxectoria vital traballaron arreo mirando máis aló da súa conta de resultados persoal. Un deses facedores do país galego é Xan López Facal", escribiu Santiago Lago Peñas

"Un país que se prece de selo ten que render tributo ás mulleres e homes que na súa traxectoria vital traballaron arreo mirando máis aló da súa conta de resultados persoal. Persoas que contribúen a que a casa de todos sexa mellor. Ás veces cóstanos facer eses recoñecementos. Os motivos poden ser diversos: falta de tempo, urxencias ou certa distancia no ideolóxico. Creo que é un erro colectivo. Un deses facedores do país galego é Xan López Facal". Así comeza o artigo que o pasado 16 de xullo lle dedicou Santiago Lago Peñas a Joám Lopes Facal nos tres xornais galegos do grupo Prensa Ibérica. 

O director do Foro Económico de Galicia e catedrático da Universidade de Vigo iniciou un fío que dous días máis tarde recollía o catedrático da USC e membro da RAG Lourenzo Fernández Prieto en La Voz de Galicia  con outro texto no que tamén reclamaba unha homenaxe ao redor do enxeñeiro, economista e político, incidindo precisamente -en tempo de campaña electoral- no seu paso pola política a través do Partido Obreiro Galego, de Esquerda Galega, do PSG-EG e de Unidade Galega.

Joam Facal © USC

Lourenzo Fernández Prieto avoga tamén por unha homenaxe aínda en fase de proposta e aberta á incorporación de ideas e persoas para o seu deseño e organización

Estes dous textos, publicados por bos amigos de Facal, iniciaron a proposta de organización dunha homenaxe pública que podemos relacionar coa recibida hai xa uns anos por Camilo Nogueira, necesariamente unido ao primeiro no familiar, no político e na visión do mundo. Un evento aínda en fase de proposta e aberto á incorporación de ideas e persoas para o seu deseño e organización.

O enxeñeiro, economista e político traballou en Tafisa, Barreiras e SODIGA e foi profesor na USC

Joám Lopes Facal (anteriormente Xan López Facal) naceu en Toba (Cee) en 1940. Estudou Enxeñaría Industrial e Ciencias Económicas na USC e na Universidade Complutense de Madrid e posteriormente traballou como enxeñeiro en Tafisa e Barreiras e como economista nos servizos centrais do Banco Popular e do Banco Central en Madrid. Regresou a Galicia para traballar en SODIGA, da que chegou a ser director económico-financeiro.

Joám Lopes Facal, nun cartel electoral de Esquerda Galega en 1981 © CEDOC

Foi deputado no Parlamento galego entre 1989 e 1991 polo PSG-EG, despois de ter militado en Galicia Socialista, Partido Obreiro Galego e Esquerda Galega

En paralelo, iniciou a súa traxectoria sindical e política na clandestina en Galicia Socialista, onde coincide con Camilo Nogueira, do que é cuñado, e co que nas décadas seguintes compartiu camiños, primeiro no Partido Obreiro Galego e posteriormente en Esquerda Galega, o PSG-EG e en Unidade Galega. Foi deputado no Parlamento galego entre 1989 e 1991 polo PSG-EG.

Responsable de boa parte do mellor corpus teórico e análises realizadas por Esquerda Galega, sobre o seu breve paso pola cámara galega, comentoulle a Anxo Lugilde hai unha década que "no puiden soportar o Parlamento galego, era un guirigay horrible. Agora está moito peor. Non aguantaría nin un minuto".

Foi prexubilado en SODIGA en 1999. Dende entón continuou a publicar traballos de análise sobre a economía galega e participou como docente en cursos de máster da USC. Así mesmo, traballou na súa tese de doutoramento sobre o Banco Olimpio Pérez

Foi tamén profesor na Universidade de Santiago nos anos 80 e 90, para ser finalmente prexubilado en SODIGA en 1999. Dende entón continuou a publicar traballos de análise sobre a economía galega e participou como docente en cursos de máster da USC. 

Así mesmo, traballou na súa tese de doutoramento sobre o Banco Olimpio Pérez, unha das entidades financeiras galegas pioneiras, da que falou nesta entrevista, publicada despois da súa presentación en 2014, cualificada cun sobresaliente cum laude. Nos últimos anos participa activamente reintegracionismo linguístico e colabora de xeito regular en Praza.gal con artigos de opinión que abranguen dende a economía á física ou a historia.

 

Joám Lopes Facal, nun cartel electoral do PSG-EG en 1989 © CEDOC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.