Ribadeo comeza a cortar os eucaliptos dos propietarios que se negaron a respectar as faixas de protección

Corta de eucalitptos nunha leira en Ribadeo © Concello de Ribadeo

A comezos do pasado ano o Concello de Ribadeo anunciou o inicio do procedemento para multar os propietarios de terreos forestais que incumprisen a Lei de prevención e defensa contra os incendios, que os obriga a "xestionar a biomasa vexetal" nunha faixa de protección de 50 metros ao redor de edificacións. Foi un proceso longo, no que o Concello remitiu primeiro identificou as parcelas nas que a lei non se cumprira (ao redor de 700), remitiu notificacións aos seus propietarios e deu un ultimatum posterior a aqueles que seguían sen ocuparse dos seus terreos.

O anuncio do inicio dos traballos levou a unha parte dos propietarios pendentes a decidirse a cumprir a lei, pero no resto de parcelas o Concello encargou a actuación a unha empresa de xestión forestal

Deses 700 propietarios, a maior parte acabou por realizar as cortas directamente, pero ficaban 150 sen facelo. Hai uns días o Concello vén de iniciar, en forma de execución subsiduaria, as actuacións de corta dos eucaliptos e demais vexetación situados nesa faixa de protección. En realidade, o anuncio do inicio dos traballos levou a unha parte dos propietarios pendentes a decidirse finalmente a cumprir a lei, pero no resto de parcelas, o Concello encargou a actuación a unha empresa de xestión forestal, que en breve comezará a operar nos lugares de Arante, Cedofeita e Covelas.

O acordo ao que o Concello chegou con esta empresa especifica que no caso de que os propietarios das parcelas se neguen a pagar os traballos, a madeira resultante das cortas servirá para pagar os custos.

Madeira cortada nun monte galego Dominio Público Praza Pública

No último ano e medio o Concello de Ribadeo traballou arreo para facer cumprir a lei que debe servir para mellorar a defensa contra os incendios forestais. Neste proceso criticou a falta de colaboración do Goberno galego. "Non pretendemos ser modelo de nada. O único que queremos é que os propietarios dos montes en Ribadeo cumpran coas normas que están establecidas desde hai moitos anos", sinalaba o pasado ano o alcalde, Fernando Suárez.

 "Non pretendemos ser modelo de nada. O único que queremos é que os propietarios dos montes en Ribadeo cumpran coas normas que están establecidas desde hai moitos anos"

Suárez comparou a medida coas normas que obrigan aos propietarios de vivendas nos cascos históricos: "Recoñecemos e respectamos a propiedade particular, pero os propietarios deben respectar tamén o que di a lei". “Sabemos que é mover unha pedra dun muíño moi grande pero isto mesmo fixémolo hai anos no casco vello de Ribadeo cando esmorecía, cando caía a cachos e cando era difícil que a xente puidera amañar as súas vivendas. Hoxe en día o casco vello de Ribadeo é diferente totalmente ao que era hai cinco ou seis anos", engadía.

Ademais, o Concello de Ribadeo puxo en marcha outras actuacións para incentivar a substitución do eucalipto por outras especies. Hai uns meses o Goberno municipal anunciou a concesión dunha axuda de 6.500 euros para repoboar terreos forestais con especies frondosas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.