Neste 17 de maio, Día das Letras Galegas, a Escola de Ensino Galego Semente formaliza unha alianza de colaboración con Ikastola Elkartea, a rede de escolas vascas de inmersión lingüística. O obxectivo do acordo é "desenvolver estratexias comúns para concienciar a sociedade da necesidade do modelo de inmersión lingüística" para a normalización do uso do galego e o euskera.
O obxectivo é "desenvolver estratexias comúns para concienciar a sociedade da necesidade do modelo de inmersión lingüística" para a normalización do uso do galego e o euskera
Así mesmo, búscase "promover, consolidar e reivindicar os proxectos educativos populares, autoxestionados, sen ánimo de lucro e alternativos do ensino tradicional". E, igualmente "analizar e impulsar a coordinación de políticas fronte aos proxectos lexislativos do Estado Español que limitan a creación dun sistema educativo propio" en Galicia e o País Vasco. No marco desta colaboración fomentarase o intercambio e o apoio mutuo entre os dous proxecto educativos, realizar actividades conxuntas de aprendizaxe.
O acordo asinouse esta mañá en Compostela, nun encontro entre Koldo Tellitu, presidente de Ikastola Elkatea, e as familias, activistas e nenos e nenas de Semente. O encontro precedeu á manifestación convocada por Queremos Galego. Xa pola tarde, o adro Museo do Pobo Galego acolle a presentación da alianza.
A Escola de Ensino Galego destaca que xa dende a súa orixe "diversos sociolingüistas, pedagogas, artistas ou activistas do movemento social vasco" teñen participado "fortalecendo a Semente coa súa enerxía transformadora". Ademais, Porrotx, a xente de Irrien Lagunak, Asisko Urmeneta, Jon Sarasua, Txerra Rodríguez ou Eider Palmou, entre outras activistas, teñem viaxado a Galicia para participar na construción da escola.
Semente conta con tres centros en Compostela e tamén en Vigo, Ferrolterra e Lugo. Traballa para abrir tamén en Ames, A Coruña, Ourense e Pontevedra
Semente conta nestes momentos con tres centros en Compostela - dous centros de 2 a 6 anos e un centro de ensino primario- e, igualmente, creáronse Sementes en Vigo, Ferrolterra e Lugo. Neste momento grupos de activistas están a organizarse e traballar para abrir centros en Ames, A Coruña, Ourense e Pontevedra.
No texto da alianza asinada este venres Semente e Ikastola Elkartea destacan o obxectivo de "conformar, xunto a outros proxectos, as bases necesarias para a creación dunha escola nacional nos nosos respectivos pobos e promover o ensino galego e euskaldun alén do ámbito das nosas escolas".