Sétimo día sen mortes por coronavirus dende o inicio da pandemia en Galicia e só tres novos diagnósticos

CC-BY-NC-SA Praza Pública

O ritmo da pandemia do coronavirus en Galicia segue transitando polos seus niveis máis baixos dende o comezo. É o que cabe deducir dos datos divulgados polo Ministerio de Sanidade este 28 de maio, correspondentes ao acontecido durante a xornada anterior, e que reflicten apenas tres novos diagnósticos positivos da covid-19 en Galicia mentres o Sergas confirma que o de onte foi o sétimo día sen falecementos dende o inicio da pandemia.

Mentres a Xunta segue sen publicar datos dos novos diagnósticos dos días previos nin de casos acumulados -malia manexar esta información, que transmite ao Estado en virtude do protocolo vixente-, o Ministerio de Sanidade indica que en Galicia foron rexistrados apenas 85 casos novos nas últimas dúas semanas e deles, só 14 tiveron inicio de síntomas neses últimos catorce días e tres, na última semana. 

O Ministerio de Sanidade indica que, dos 85 casos novos diagnosticados en Galicia nas últimas dúas semanas, apenas 14 tiveron inicio de síntomas neses últimos catorce días e só tres, na última semana

No marco da revisión de datos xa anunciada, o Ministerio ofrece unha cifra acumulada de 9.115 persoas que deron positivo nalgún momento en Galicia mediante proba PCR ata o 10 de maio e en proba PCR ou de anticorpos -neste segundo caso, con síntomas da covid-19- dende esa data. Mentres, o total acumulado resultante de sumar as cantidades que o Sergas indica cada día nos seus comunicados chega a 11.263 positivos acumulados entre PCR e anticorpos, aínda que a Consellería de Sanidade non distingue entre os diferentes métodos diagnósticos. [O Estado actualiza a serie histórica completa do coronavirus en Galicia, que a Xunta segue sen divulgar]

Cando conclúa a revisión que o Ministerio ten en marcha, será posible coñecer as mudanzas na serie histórica galega, xa que a Xunta non divulga a súa. Mentres, o departamento estatal especifica que está a "realizar unha validación individualizada dos casos", polo que as discrepancias na información aínda poden continuar durante varios días.

O número de "positivos activos" que indica o Sergas baixa en 24 casos e queda en 799 e a cifra de persoas que reporta como "curadas" aumenta en 51, ata as 9.849

O Sergas, pola súa banda, segue a referirse unicamente ao seu indicador de referencia, o dos "positivos activos", sen contemplar divulgar a serie histórica completa nin especificar revisión ningunha en cumprimento do novo protocolo ou para eliminar casos dubidosos ou duplicados, tal e como advertiu o doutor Fernando Simón para a base estatal, construída cos datos das autonomías. Ese indicador de positivos activos xa baixa dos 800 e queda en 799. Son 24 positivos activos menos que un día antes, mentres o Sergas reflicte como "curadas" a 9.849 persoas, 51 máis ca o día anterior, pero sen detalle ningún sobre a súa procedencia.

Mentres, ao non existir novos falecementos nas últimas vinte e catro horas, o número total de persoas cuxa morte o Sergas dá como certificada pola covid-19 continúa sendo de 615, das cales 272 viviran en residencias de maiores e dependentes. O Ministerio de Sanidade, pola súa banda, só dá por acreditadas polo momento 608 mortes en Galicia por mor da pandemia e indica que 6 delas foron nos últimos sete días, aspecto este último no que coincide co Sergas.

Sen novas hospitalizacións e doce menos no global

O número de persoas na UCI con test positivo, só 5, é o máis baixo dende o 13 de marzo

Os datos do Ministerio -o Sergas non ofrece esa información- permiten coñecer tamén que, unha xornada máis, Galicia non rexistrou novas hospitalizacións de persoas coa covid-19. Mentres, o Servizo Galego de Saúde si especifica que o número de hospitalizacións de pacientes con test positivo do coronavirus segue a descender. Son un total de 42 -doce menos que o día previo- e delas, só 5 -as mesmas que na xornada anterior- están na UCI. É o número máis baixo de persoas en coidados intensivos con test positivo dende o 13 de marzo.

Ata este 28 de maio, informa o Ministerio, foron hospitalizadas en Galicia a causa do coronavirus un total de 2.917 persoas diferentes. No que atinxe ás persoas en illamento domiciliario por daren positivo, o número total tamén continúa a descender e quedan en 757, doce menos que o día anterior. 

Catorce positivos máis da área de Vigo, pero de días pasados

Dado que o Ministerio indica que só se rexistraron 3 diagnósticos novos na última xornada, cabe deducir que cando menos parte dos 14 novos positivos activos que o Sergas indica na área de Vigo corresponden a días pasados

No que atinxe á distribución dos positivos activos por áreas sanitarias, a ausencia de información de casos novos directamente a través do Sergas segue a dificultar a súa interpretación. Así, este 28 de maio mentres o Ministerio de Sanidade constata que a Xunta só deu conta de 3 diagnósticos novos, o parte da Consellería de Sanidade indica un incremento de 14 positivos activos na área sanitaria de Vigo. Atendendo ao acontecido en anteriores ocasións, cabe deducir que se trata de diagnósticos dun número indeterminado de días pasados que son incorporados agora ao parte da Consellería.

Mentres, en todas as demais áreas sanitarias redúcese o número absoluto de positivos activos. Especialmente na da Coruña, con 18 menos. No que atinxe á incidencia deste indicador -positivos activos por cada 100.000 habitantes-, a maior segue estando na área viguesa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.